Un incendio obriga a desaloxar de madrugada un edificio de Redondela
Un incendio obriga a desaloxar de madrugada un edificio de Redondela
O lume orixinouse por un curtocircuíto no bar Piñeiro, situado no baixo
Pasaba das catro da mañá cando un home alertou o 112 de que vía fume saíndo dun bar da Avenida de Vigo. Ao parecer o incendio orixinouse por un curtocircuíto no lavavasos situado debaixo da barra.
"A barra é de madeira e o lume calcinouna. Afortunadamente chegaron a tempo de evitar que as lapas se propagaran por todo o bar", explica Gabriel Láuzara, propietario do bar Piñeiro.
A rápida intervención dos bombeiros de Mos e do Porriño evitou males maiores. Así e todo, como o fume chegara ao oco da escaleira, decidiron desaloxar as catro vivendas do edificio. Un tremendo susto para os veciños que esta mañá foron traballar sen pegar ollo.
"Ás cinco e media da madrugada estabamos todos na rúa agardando que os bombeiros acabaran o traballo e comprobaran o nivel de fume nas vivendas. Ata que foi aceptable non os deixaron regresar, estaban todos na rúa coas mascotas, agardando con frío", engade Gabriel.
A peor parte levouna Gabriel, o propietario, que acababa de coller o traspaso deste histórico bar de Chapela.
"Só levaba aberto catro meses, o investimento que fixen foi importante e agora o que tiña queimouse", lamenta o dono do local.
Malia o desgusto, o importante, di, é que non houbo danos físicos. Agarda reabrir o negocio o antes posible e deixar atrás unha noite de pesadelo.