A árbore de Nadal máis pequena de España está no barrio do Piñeiriño, en Vilagarcía

Un piñeiro barato e sostible, con só tres luces, feito con brión seco por unha artesá local 

A diminuta árbore mide un centímetro, dous se sumamos o pedestal de cortiza
G24.gal 08/12/2023 14:01

Coa lupa xigante do escaparate da centro cultural Breogán de Vilagarcía pódese admirar a que é, cun centímetro de altura, a árbore de Nadal máis pequena de España. Un piñeiro feito á man por unha artesá local que o enmarcou nas formas a escala dunha rúa do barrio.

"Está feito con tres luces led, arame, o a maceta cunha cortiza de viño e brión natural seco. A maqueta está feita toda con cousas que atopas pola casa, de usar e tirar e de reciclar", explica Marian García, a artesá local autora da árbore.

Para Pedro Falcón, tesoureiro da asociación veciñal Breogán, é a campaña de Nadal máis económica de todas.

"Gastamos un euro na pintura".

A idea xurdiu do presidente da asociación veciñal do Piñeiriño, unha broma entre a retranca e a crítica social das campañas de Nadal doutras vilas, como nos conta Falcón.

"Basicamente porque levamos semanas vendo a alcaldes de toda España medindo a ver quen a ten máis grande, xa non sabemos se é a árbore ou outra cousa. Pareceunos simpático tirarlles das orellas con iso".

Grazas á diminuta árbore, o barrio do Piñeiriño está máis concorrido ca nunca con visitas locais e de medios de comunicación. Un xeito, din, de poñer o Piñeiriño e Vilagarcía no mapa.

"Moi boa acollida. A xente tómao como o que é, con humor e crítica".

Acaban de recibir a proposta dun enxeñeiro biométrico desde Holanda que se ofrece a facelo máis pequeno aínda, se se animan o ano que vén.

Así que con retranca e colaboración veciñal, a árbore de Nadal máis pequena de España está a facer moi grande o barrio do Piñeiriño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar