A obesidade segue aumentando e afecta ao 15 % da poboación galega
A obesidade segue aumentando e afecta ao 15 % da poboación galega
A obesidade considérase a gran pandemia do século XXI e a OMS advirte dos seus prexuízos
No mundo morren tres millóns de persoas cada ano por doenzas relacionadas co sobrepeso
No eido da medicina, fálase da obesidade como da gran pandemia do século XXI. Calculan que en todo o mundo morren tres millóns de persoas cada ano por doenzas relacionadas, como a diabetes, a hipertensión, algúns tipos de cancro, problemas de sono ou enfermidades cardiovasculares.
"O proceso para o que nós fomos deseñados é que non había alimentos en determinada época do ano e a supervivencia estaba baseada en que cando había alimentos puideramos almacenalos para tempos de necesidade", explica Carlos Diéguez González, catedrático de Fisioloxía da Universidade de Santiago.
En Galicia, a obesidade afecta ao 15 % da poboación. No caso da infancia, as cifras son algo máis altas ca no resto de España. Comemos moito, levamos unha vida sedentaria e, ademais, os alimentos moi calóricos son máis baratos que os produtos frescos.
"Catro 'donuts' valen un euro e pico e son unha bomba calorífica e unhas froitas custan moito máis", asegura o catedrático.
Pero non cre na prohibición de produtos. É partidario da educación para que a xente coma san e faga exercicio.
"Todo o mundo ten que alimentarse. A manteiga non é mala, o problema é o que facemos e canta tomamos. Ese enfoque é imposible. Temos que concienciarnos na prevención, na dieta, no exercicio, que é importantísimo. Independentemente do efecto sobre o peso, ten efectos sobre a saúde moi beneficiosos", conclúe.