A Xunta convocará oposicións para cubrir preto de 300 prazas de emprego público

O Goberno galego tamén vai convocar prazas para a promoción interna, polo que preto de 600 empregados e empregadas públicos poderán ascender de categoría a través destes exames

G24.gal 30/10/2023 11:01

A Xunta convocará nas próximas semanas oposicións para cubrir preto de 300 prazas de emprego público na Administración autonómica. En concreto, convocaranse 134 prazas no ámbito dos servizos, con 117 prazas na especialidade de limpeza e cociña, e 17 na escala técnica de mantemento de servizos; e 121 prazas no ámbito ambiental e dos recursos naturais e forestais.

Ademais, haberá 15 prazas para a escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos; 12 prazas para a escala técnica de análise de laboratorio e outras nove para a escala técnica de delineantes. Todas estas prazas son de acceso libre e poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos.

Por outra banda, o Goberno galego tamén vai convocar prazas para a promoción interna, polo que preto de 600 empregados e empregadas públicos poderán ascender de categoría a través destes exames.

Ás prazas de promoción interna só poderá acceder o persoal empregado público que xa ten unha praza fixa na Administración e quere opositar para lograr un ascenso ou promoción profesional. En concreto, convocaranse 30 prazas para o corpo superior (A1), 185 para o corpo de xestión (A2), 240 para o corpo administrativo (C1), e 130 prazas para o corpo auxiliar (C2).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos