Abre na Cidade das TIC un laboratorio de intelixencia artificial aplicada a drons
Abre na Cidade das TIC un laboratorio de intelixencia artificial aplicada a drons
O presidente da Xunta destaca a capacidade deste centro para "reter e captar" talento tecnolóxico
O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) inaugurou este martes na Cidade das TIC da Coruña o Galaxy-Lab, un laboratorio de intelixencia artificial aplicada a drons que dará servizo a empresas que necesiten examinar drons urbanos para mercadorías ou persoas. No acto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a capacidade deste centro para "reter e captar" talento tecnolóxico.
O Galaxy-Lab está no segundo edificio da Cidade das TIC e din que ten o simulador máis avanzado do mercado. O novo laboratorio pretende ser dos mellores de Europa na Intelixencia Artificial aplicada ao voo de drons en eidos urbanos.
"Esta nova infraestrutura vén a aumentar a competitividade e capacidade tecnolóxica do ITG, consolidando ao centro como unha das organizacións máis avanzadas e importantes en Europa en drons e que está liderando ao país no despregadura da mobilidade aérea urbana", explicou Carlos Calvo, director do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
O Instituto Tecnolóxico de Galicia ten máis de 30 anos de vida e ocupa a 150 traballadores cualificados. Para o presidente da Xunta o laboratorio coruñés é unha perfecta continuación do de Rozas, en Lugo.
"En Galicia hai moitísimo talento e non temos que aceptar como normal que teña que marchar para despregarse. Hai que intentar retelo aquí e atraer aos que se foron e, mesmo, aos que non nos coñecen e que se dean conta de que aquí tamén se poden facer cousas en tecnoloxía", dixo Alfonso Rueda.