António Costa dimite como primeiro ministro tras ser investigado por corrupción

Investigan o papel de António Costa na concesión de dúas minas e unha fábrica

O mandatario nega as irregularidades e explica a renuncia pola dignidade do cargo

G24.gal 07/11/2023 15:36 Última actualización 07/11/2023 20:17

O primeiro ministro de Portugal, António Costa, dimitiu este martes pola investigación na súa contra por posible prevaricación, corrupción activa e pasiva, e tráfico de influencias en negocios de litio e hidróxeno, aínda que asegurou que non cometeu ningún acto ilícito.

"Nestas circunstancias, obviamente, presentei a miña dimisión á súa excelencia o presidente da República", afirmou o socialista nunha intervención televisada, na que sinalou que o cargo de primeiro ministro non é compatible coa "sospeita da práctica de calquera acto criminal". 

 

Costa dixo que se viu "sorprendido" este martes coa información dun proceso criminal na súa contra e mostrouse "totalmente dispoñible" para colaborar coa Xustiza, pero negou as acusacións e subliñou que se marcha "coa conciencia moi tranquila".

"Quero dicir, e miro aos ollos aos portugueses, que non me pesa na conciencia a práctica de calquera acto ilícito ou nin sequera acto censurable", apuntou o político, quen, con todo, considera que debe dimitir porque "a dignidade de funcións de primeiro ministro" non é compatible con ningunha sospeita.

Que ocorre tras a renuncia

Tras a súa renuncia, os próximos pasos a seguir serán decididos polo presidente, o conservador Marcelo Rebelo de Sousa, que ten o poder de disolver a Asemblea da República e convocar eleccións se o considera necesario.

Rebelo de Sousa convocou unha rolda de contactos cos partidos políticos e co Consello de Estado, antes de decidir se convoca novos comicios, unhas eleccións ás que António Costa xa confirmou que non será candidato.

Acusación

O Ministerio Público anunciou este martes nun comunicado que investigaba a Costa e a varios membros do seu Gabinete por prevaricación, corrupción activa e pasiva, e tráfico de influencias, por un caso vinculado con negocios de litio e hidróxeno.

A Fiscalía levou a cabo o rexistro de "espazos utilizados polo xefe de Gabinete do primeiro ministro" e apuntou que varios sospeitosos falaron da implicación de Costa no caso por "desbloquear procedementos".

A investigación, na que se rexistraron máis de 40 lugares, céntrase nas concesións de explotación de litio nas minas de Romano e Barroso, no norte do país; ademais dun proxecto dunha central de produción de enerxía a partir de hidróxeno e outro para a construción dun centro de datos, ambos en Sines.

A Fiscalía emitiu ordes de detención contra o xefe de gabinete do primeiro ministro, o alcalde de Sines e dous dos seus administradores na sociedade Start Campus e contra un avogado, que serán presentados ante a Xustiza para ser interrogados.

Tamén foron declarados arguidos (sospeitosos formais, unha figura previa á acusación) o ministro de Infraestruturas, João Galamba, e o presidente do Consello Directivo da Axencia Portuguesa do Ambiente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade