Case o 90 % das persoas convocadas asistiron ás probas da OPE do Sergas

Preto de 8.400 persoas participaron nos exames do Servizo Galego de Saúde este domingo en Silleda

 As probas eran para a categoría técnica en coidados auxiliares de enfermería, na que se ofertan 789 prazas

G24.gal 05/11/2023 21:23 Última actualización 05/11/2023 21:59

As probas para o ingreso na categoría de auxiliar de enfermería do Sergas celebráronse este domingo cunha participación moi alta. O 87,8 % das persoas convocadas asistiron ao exame. A inmensa maioría eran mulleres.

Cos preto de 8.400 aspirantes sentados no seu lugar, comeza o exame. Noutra sala, un intérprete de signos explica as normas a varios opositores con algunha discapacidade auditiva. Mentres, no espazo habilitado como sala de lactación, unha nai dálle o peito ao seu bebé de dous meses.

"Din que os nenos traen un pan debaixo do brazo, algo repasamos, a ver...", di a muller.

Ofértanse 789 prazas mediante concurso oposición, 395 de promoción interna, 337 de acceso libre e medio cento están reservadas para persoas con discapacidade.

"Suporíame estabilidade, están as cousas difíciles e tes unha posibilidade de atopar un traballo fixo, e no que che gusta".

"Sería todo, independencia, ir vivir coa miña moza, casar", comentan varios opositores.

Na loxística e a organización desta oposición traballaron durante a fin de semana uns 400 profesionais, máis de 15 mil persoas examináronse entre o sábado e o domingo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade