Ciarán deixa máis de 1.200 incidencias en Galicia
Ciarán deixa máis de 1.200 incidencias en Galicia
A maioría dos problemas foron nas provincias atlánticas
Vai baixando o número de clientes que aínda están sen electricidade
A borrasca Ciarán que azouta Galicia con fortes ventos e choivas provocou desde o mércores e ata a tarde deste xoves polo menos 1.265 incidencias. A maior parte están concentradas nas dúas provincias atlánticas, Pontevedra (461) e A Coruña (444), aínda que tamén se contabilizaron 220 na de Lugo e 133 en Ourense.
As máis frecuentes (766) foron as caídas de árbores e ramas en vías de circulación, seguidas de diversas actuacións dos servizos de emerxencias coa finalidade de previr riscos, por exemplo a retirada de tellas, postes e cables de electricidade nas estradas, restos de accidentes e corrementos de terras ou pedras e carteis e sinais de tráfico desprazadas.
Refachos de máis de 150 km/h
As estacións de Meteogalicia notificaron os ventos máis fortes, de máis de 160 quilómetros por hora na montaña de Lugo. En canto ás precipitacións, a peor parte levárona as zonas altas de Ourense e Lugo, onde caeron as primeiras nevadas da tempada. Os principais valores rexistráronse en Vilariño de Conso (59,2 litros por metro cadrado ata as 20:00 h), Manzaneda (46,2 l/m²) e Pedrafita (42,6 l/m²).
Estradas cortadas
Foron múltiples os particulares que deron aviso ao 112 Galicia ao longo da tarde para informar de obstáculos para o tráfico, como a AG-46, a PO-315, a PO-313, a PO-230 e a AP-9. As estradas secundarias sufriron, principalmente, caídas de árbores e ramas.
O maior incidente deste xoves foi un accidente laboral en Guitiriz, na parroquia de Mariz, onde un eucalipto caeu encima dun camión de transporte de madeira. Un operario foi ferido e tivo que ser trasladado ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
Así mesmo, os servizos de emerxencias tiveron que intervir en numerosas estradas por derrubamentos, aínda que non ocasionaron danos persoais. Por exemplo, no quilómetro 95 da AP-9, á altura de Pontecesures (Pontevedra). Algo similar, aínda que sen gardar relación co tráfico, ocorreu en Covelo (Pontevedra).
Clientes aínda ás escuras
Por outra banda, segue habendo en Galicia miles de persoas que quedaron sen luz por causa do temporal. Segundo datos achegados por Naturgy, quedan uns 4.400 clientes afectados na tarde deste xoves, pero chegaron a ser 9.800.
Por provincias, as principais damnificadas foron Ourense (1.900 clientes sen subministración) e Lugo (1.100), seguidas pola Coruña (690) e Pontevedra (670).