Dimite o ministro de Infraestruturas de Portugal tras ser declarado sospeitoso de corrupción
Dimite o ministro de Infraestruturas de Portugal tras ser declarado sospeitoso de corrupción
O caso polo que é investigado João Galamba é o mesmo que provocou a renuncia do primeiro ministro António Costa
Os cinco detidos quedan en liberade ao rebaixar o xuíz a gravidade dos delitos que lles imputan
O ministro de Infraestruturas de Portugal João Galamba anunciou este luns a súa dimisión tras ser declarado pola Fiscalía como un dos sospeitosos no caso de corrupción, que suscitou a renuncia do xefe do Goberno luso António Costa a semana pasada.
"Presentei esta solicitude de dimisión tras unha profunda reflexión persoal e familiar e por considerar, en calidade de pai e marido, que esta decisión é a única posible para garantir a tranquilidade e a discreción a que a miña familia ten dereito inequivocamente", dixo Galamba nun comunicado.
Galamba é un dos nove sospeitosos no caso de corrupción, tráfico de influencias e prevaricación en proxectos relacionados co litio, o hidróxeno e un centro de datos, que salpicou a Costa, quen dimitiu o martes pasado.
No seu comunicado, o que foi titular de Infraestruturas desde xaneiro de 2023 explicou que abandona o posto, a pesar de "entender que non estaban esgotadas as condicións políticas" para o exercicio das súas funcións.
Antes de poñerse á fronte do Ministerio de Infraestruturas, Galamba foi secretario de Enerxía no primeiro Goberno de Costa (2015-2019), secretario de Estado Adxunto e de Enerxía (2019-2022) e secretario de Medio ata xaneiro de 2023.
Galamba explicou na nota que como secretario de Estado de Enerxía traballou en "total consonancia" coas prioridades da Unión Europea e do Goberno na transición enerxética, que sempre considerou como un desafío que abría ao país a "un desenvolvemento tecnolóxico, industrial e de maior independencia enerxética".
Subliñou que foi neste contexto en que se empeñou en "garantir as condicións para as materias primas críticas, como é o caso do litio, e a fixación no país de toda a cadea de valor das baterías, incluída unha refinería de litio, puidesen traer novos investimentos, tecnoloxía e empregos altamente cualificados".
Mentres, a xustiza portuguesa deixa libres os cinco detidos. O maxistrado que leva a investigación toma esta decisión tras rebaixar a gravidade dos delitos que lles imputa. Xa non estarían investigados por corrupción nin prevaricación, senón só por tráfico de influencias. Entre os liberados está o xefe de gabinete de Costa e un dos seus principais asesores.
A investigación da Fiscalía céntrase nas concesións de explotación de litio nas minas de Romano e Barroso, un proxecto para a construción dun centro de datos, desenvolto pola empresa Start Campus, e outro dunha central de produción de enerxía con hidróxeno, ambos en Sines.