Domingos, a sexta borrasca da tempada, varrerá Galicia na fin de semana
Domingos, a sexta borrasca da tempada, varrerá Galicia na fin de semana
Activa alertas en terra por vento e chuvia intensa
Preocupa a enchente dos ríos, xa moi crecidos tras o paso de Ciarán
Na tarde deste venres aínda retiraban de estradas e rúas postes da luz e árbores. Eran as últimas incidencias do paso de Ciarán cando Galicia xa se preparaba para a chegada da seguinte borrasca de grande impacto.
Chega Domingos con ventos fortes e máis auga. Hai aviso amarelo por chuvia en case toda a comunidade, agás no interior de Pontevedra, onde o aviso é laranxa.
"Chove coma antes, o que pasa e que estabamos mal acostumados dos últimos anos", coinciden en salientar na rúa varias persoas.
Vén máis auga, que pode chegar a acumular entre 40 e 80 litros por metro cadrado en só doce horas. Un risco onde os ríos, como o Verdugo en Ponte Caldelas, xa van ao límite e rebordan por momentos.
"É un río virulento, agresivo, sobe e baixa moi rápido. E hai que terlle respecto e non aparcar preto", advertía o alcalde, Andrés Díaz.
A Xunta mantén activo o Plan Inungal. Monitoriza o leito dos ríos en previsión de enchentes. Preocupa especialmente nestes momentos as crecidas do Lérez, o Ladra e o Mandeo. Domingos, a sexta borrasca da tempada, tamén obrigará a extremar as precaucións por vento nas localidades do norte de Galicia e na montaña ourensá.