Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desactivados os avisos por unhas choivas que deixaron 150 incidencias en Galicia

Desactivados os avisos por unhas choivas que deixaron 150 incidencias en Galicia

A situación mellora co paso das horas pero a inestabilidade vai continuar a vindeira semana

O refacho máis forte, de 104,4 quilómetros por hora, rexistrouse este domingo en Punta Candieira

Os restos do furacán Kirk traerán a Galicia o mércores un forte temporal de chuvia e vento

G24.gal 06/10/2024 18:39 Última actualización 06/10/2024 20:56

A fin de semana remata en Galicia con todos os avisos por chuvias e vento desactivados. A situación foi mellorando co paso das horas logo de dúas xornadas con precipitacións abondosas que deixaron máis de 150 incidencias en Galicia.

Porén, a Xunta mantén activo o Plan Inungal (Plan especial de Protección Civil ante o risco de inundacións) para facer un seguimento do nivel dos ríos.

O concello onde máis choveu este domingo foi o de Monfero, onde houbo unha acumulación de 65,9 litros por metro cadrado. O refacho máis forte, de 104,4 quilómetros por hora, rexistrouse en Punta Candieira (Cedeira).

A inestabilidade vai continuar nos vindeiros días e o martes pola tarde, segundo as previsións de MeteoGalicia, os restos do furacán Kirk deixarán un forte temporal de vento e chuvia que se prolongará ata o mércores.

Incidencias na fin de semana

Entre as 00:00 horas do sábado e as 15:00 do domingo, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias rexistrou un total de 156 incidencias, ningunha delas de consideración. As provincias máis afectadas foron Pontevedra e A Coruña.

A máis habitual foi a caída de árbores ou pólas á estrada (70 en toda Galicia), seguida da presenza de terra ou pedras na calzada (23) e o saneamento de fachadas para evitar riscos (17). Tamén houbo intervencións por asolagamentos de rúas, vivendas ou garaxes.

Ponte Caldelas e Cuntis

Afeitos ás crecidas do Verdugo, os veciños de Ponte Caldelas, no interior da provincia de Pontevedra, teñen un ollo posto no río. 

"É moi frecuente que cando chove este río suba facilmente".

"Vén potente, trae moita auga, que fai falla, pero si é certo que hai zonas que non están habilitadas para asumir tanta cantidade de auga e tes que desviar ou cambiar o rumbo".

Este sábado recolléronse 65 litros por metro cadrado e activouse o plan especial de protección civil por risco de inundacións.

"Isto baixa logo, pero xa ten feito dano no campo de fútbol, ten feito das súas".

"Aproveitamos agora que había un claro ata as doce ou a unha para baixar dar un paseo, porque onte estivemos todo o día metidos na casa porque caía a de deus. Pensabamos que ía estar todo moito peor arriba, pero non, a verdade é que está precioso".

Tamén choveu moito en Cuntis. Desde o venres, máis de 130 litros por metro cadrado. 

Situación na Coruña

Varias estacións da provincia da Coruña rexistraron valores importantes de precipitación acumulada. En Monfero cuantificáronse 65 litros por metro cadrado, Lousame superou os 50 e Santiago os 43.

Coa auga que caeu durante as últimas semanas a situación dos encoros está tamén por enriba da media dos últimos anos por estas datas. Chegan case ao 65 % da súa capacidade. 

Temperaturas elevadas

Moita chuvia en toda Galicia pero o certo e que as temperaturas estiveron nas últimas horas por riba do habitual. A primeira fin de semana de outubro despídese co termómetro superando os 20 graos en boa parte do país. As temperaturas máis altas rexistraronse este sábado no Valadouro, con 25, 2 graos, e en Viveiro con 24.

Na Mariña lucense os termómetros continuaron con valores elevados o domingo: En Ribadeo amenceron con 22,4 graos, só un grao por baixo da máxima do día que acadaban en Arnonia, despois do mediodía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade