Compeza a rolda de testemuñas en caso Rubiales con De la Fuente e o ex-xefe de Comunicación

As declaracións están programadas dende o 14 ao 30 de novembro

G24.gal 29/10/2023 08:22

A investigación a Luis Rubiales polo bico na boca que deu á xogadora Jenni Hermoso tras a final do Mundial o pasado agosto inicia esta semana unha nova rolda de declaración de testemuñas co adestrador da selección masculina, Luis de la Fuente, e o ex-xefe de comunicación da RFEF Pablo García Cuervo.

Unha vez solicitados os testemuños dos catro investigados -Rubiales, o exseleccionador feminino Jorge Vilda; o director da selección masculina, Albert Luque, e o de Márketing da Real Federación Española de Fútbol, Rubén Rivera-, o xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge programou unha nova rolda de testemuños ao longo do mes de novembro, que comezará o xoves.

Ese día están citados De la Fuente, García Cuervo, que foi destituído do seu posto á fronte de comunicación na RFEF o pasado 29 de setembro, e o subdirector de comunicación da Federación, Enrique Yunta.

O 14 de novembro están citados como testemuñas o director de gabinete de Rubiales, José María Timón; o psicólogo da selección feminina, Javier López Vallejo, e o responsable de compliance (cumprimento normativo) da Federación, Javier Puyol. Dous días despois comparecerán a futbolista Laia Codina e o presidente do Comité Nacional do Fútbol Feminino, Rafael do Amo.

Prestarán declaración sobre os dous aspectos que se investigan neste procedemento: o bico que Rubiales deu a Jenni Hermoso tras a final do Mundial en Sydney, Australia, o 20 de agosto e as presións que a xogadora denuncia sufrir por parte do expresidente da Federación e do seu círculo máis próximo.

A rolda de declaracións programada ata o momento finalizará o 30 de novembro cun careo entre unha amiga de Jenni Hermoso que estivo na viaxe a Eivissa que unha decena de xogadores realizou tras a vitoria do Mundial e o director de Márketing da RFEF, Rubén Rivero.

O xuíz accedeu ao acareo a pedimento dos avogados da internacional ante as discrepancias que observaron entre a declaración como testemuña da amiga da futbolista e a versión que deu Rivera en calidade de investigado.

Rivera, do mesmo xeito que Rubiales e o resto de imputados, negou que coaccionase a Jenni Hermoso ou a súa contorna para que tratase de xustificar publicamente o bico que lle deu o expresidente da RFEF, quen mantén que foi consentido, mentres que a amiga da futbolista confirmou as presións que esta denuncia sufrir. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade