Europa reclama nas rúas o cesamento do fogo en Gaza e unha Palestina libre

Milleiros de cidadáns maniféstanse en varias capitais en apoio a Palestina

G24.gal 11/11/2023 20:45 Última actualización 11/11/2023 21:31

Máis de 300.000 persoas manifestáronse esta tarde polo centro de Londres para esixir o cesamento do fogo en Gaza e unha Palestina libre. A marcha rematou ante a embaixada dos Estados Unidos, a quen os congregados pediron que free os ataques de Israel.

Todo discorreu de forma pacífica pero previamente a policía tivo que conter un grupo de simpatizantes de extrema dereita que buscaban alterar a protesta. Para evitalo, os axentes detiveron máis de 80 persoas.

Tamén se esixiu o cesamento do fogo en Gaza desde as rúas de París. Milleiros de persoas reclamáronlle ao Goberno francés que axude a deter os bombardeos de Israel.

En Bruxelas, máis de 20.000 persoas denunciaron inacción por parte da Unión Europea. As manifestacións propalestinas percorreron igualmente as rúas de varias cidades españolas. En Barcelona, os manifestantes pediron que o Goberno poña fin de forma inmediata ao comercio de armas con Israel.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade