Galicia busca favorecer a convivencia educativa ao restrinxir o uso do móbil

Logo do Nadal limitarase o seu uso tamén fóra das aulas

O persoal docente aproba a decisión de limitalo nos recreos

G24.gal 10/12/2023 14:12 Última actualización 10/12/2023 18:57

En Galicia, un decreto restrinxe desde 2015 o emprego de móbiles dentro das aulas. O Goberno galego decidiu estender as limitacións, logo do Nadal, aos recreos, ás entradas e saídas dos centros escolares, ao horario de comedor e ás actividades complementarias.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa afirma que a intención final é favorecer a convivencia entre o alumnado.

"Que durante eses períodos de lecer se dediquen a socializar, a establecer relacións interpersoais", explica Judith Fernández Novoa.

Judith Fernández puntualiza que un 75 % dos centros de secundaria xa teñen implantada de facto esta medida, pero non todos do mesmo xeito. A Consellería vai consensuar coa comunidade educativa ata que idade se aplicará a restrición.

"O que pretende a Consellería é dar un marco, un empurrón, e tratar de homoxeneizar estas prácticas", engade a responsable de Ordenación e Innovación Educativa.

Judith Fernández insiste, porén, en que a competencia dixital é clave nos currículos educativos en Galicia.

"Nos centros educativos teñen que aprender a manexar todos este tipo de recursos. Outra cousa é que haxa que facelo de forma ordenada: que teñan tempo de desconexión, que saiban elixir o momento en que deben usar esa tecnoloxía e para que fin", salienta.

A responsable de Ordenación e Innovación Educativa asegura, de feito, que a tecnoloxía está moi presente nos centros educativos galegos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade