A Garda Civil recolle en institutos de Pontevedra e Ourense un ácido tóxico distribuído hai 30 anos
A Garda Civil recolle en institutos de Pontevedra e Ourense un ácido tóxico distribuído hai 30 anos
A substancia retirada é ácido pícrico, que se usa, entre outras cousas, para elaborar explosivos e que fora enviado aos centros de secundaria como dotación material de laboratorio
Hai un mes a Policía Nacional tamén informaba dun operativo semellante para retirar estes compostos de institutos das provincias da Coruña e Lugo
O Grupo Especialista de Desactivación de Explosivos (GEDEX) da Garda Civil de Pontevedra atendeu durante o último ano un total de 26 incidencias en Pontevedra e 13 en Ourense de recollida de ácido pícrico en distintos institutos de ensino secundario.
Segundo informa, este ácido é unha pasta que se usa industrialmente para a fabricación, entre outras cousas, de explosivos, mistos, baterías eléctricas. "Tóxico por absorción cutánea e presenta grave risco de explosión cando se axita ou quenta", concreta.
Este compoñente, engade, forma parte dun kit de compostos químicos que foron distribuídos a diferentes centros de ensino secundario hai aproximadamente 30 anos como parte de material de dotación para laboratorio. Co paso do tempo pode provocar cristalización e formación de grumos, "o que aumenta o seu perigo e faio non apto para o seu uso en laboratorio", indica.
Co fin de proceder á destrución deste ácido, a Garda Civil lembra a necesidade de comprobar a existencia deste produto nos laboratorios dos centros de ensino para proceder á súa recollida e destrución polo GEDEX.
A principios de outubro, a Policía Nacional tamén detectou e interveu para a súa destrución recipientes que contiñan ácido pícrico nos laboratorios de secundaria, formación profesional e universidades das provincias da Coruña e Lugo.