Israel chama a consultas a súa embaixadora en España tras as declaracións de Sánchez

O Goberno hebreo tamén anuncia que chamará para unha "reprimenda" a embaixadora española en Tel Aviv

"Teño francas dúbidas de que (Israel) estea a cumprir co dereito internacional humanitario", asegurou Sánchez este xoves 

G24.gal 30/11/2023 16:20 Última actualización 30/11/2023 20:16

O ministro de Exteriores israelí, Eli Cohen, chamou este xoves a consultas á embaixadora de Israel en España, tras a polémica polas declaracións do presidente español, Pedro Sánchez, que criticou o alto número de vítimas mortais en Gaza e asegurou dubidar de que Israel "cumpra co dereito internacional".

"Tras as indignantes palabras do presidente do Goberno de España, que repite acusacións infundadas, decidín chamar á embaixadora de Israel en España", Rodica Radian-Gordon, "para que volvese a consultas en Xerusalén", anunciou Cohen a través da súa conta na rede social X (antes Twitter).

"Israel actúa e seguirá actuando segundo o dereito internacional, e continuaremos a guerra ata a liberación de todos os secuestrados e a eliminación de Hamas en Gaza", insistiu o titular de Exteriores.

Segundo remarcou, "só hai un factor responsable do masacre do 7 de outubro e da situación actual en Gaza, e é a organización terrorista Hamas, que comete crimes de guerra e crimes contra a humanidade contra os cidadáns de Israel e os residentes da Franxa Gaza".

Hoxe, Israel anunciou tamén que chamará para unha "reprimenda" á embaixadora española en Tel Aviv, Ana Sálomon Pérez, tamén por mor das declaracións de Sánchez horas antes, que criticou a ofensiva de Israel sobre Gaza e o nivel de devastación no enclave.

"Coas imaxes que estamos a ver e o número crecente, sobre todo de nenos e nenas, que están a morrer, teño francas dúbidas de que (Israel) estea a cumprir co dereito internacional humanitario", dixo Sánchez nunha entrevista á televisión pública española (TVE).

"Non é aceptable o que estamos a ver en Gaza", engadiu o presidente, que dixo que a relación entre España e Israel é "correcta", e agregou que "os países amigos tamén temos que dicirnos as cousas que son verdade".

Con todo, a chamada a consultas da embaixadora de Israel en Madrid supón unha nova repunta na crise diplomática entre España e Israel que empezou a semana pasada, tras a visita de Sánchez en Israel, territorio palestino e Exipto co primeiro ministro belga, Alexander De Croo.

Sánchez criticou o alto número de mortos en Gaza e pediu a Israel que cumpra coa lei internacional. Á súa vez, mostrouse firme coa proposta española de recoñecer a un Estado palestino e avisou de que se a UE non se pon de acordo, España "tomará as súas propias decisións".

Todo iso foi eloxiado por Hamas, que agradeceu "a postura clara e audaz" de Sánchez nunha reacción que xerou malestar en Israel, que argumentou que as palabras do presidente español constituían "un apoio ao terrorismo". 

O PP considera irresponsable a actuación de Sánchez

O PP indicou que a chamada a consultas da embaixadora de Israel en España pon de manifesto "a irresponsabilidade e o desafogo coa que Sánchez abordou esta crise internacional e vén demostrar que o presidente do Goberno empeñouse en danar as relacións con Israel, no peor momento para o país hebreo", segundo indicaron dende o PP.

Alberto Núñez Feijóo pediulle "en varias ocasións a Sánchez que se deixase de estridencias e non comprometese as relacións con Israel". "Con todo, despois do ocorrido hoxe constátase a intención de Sánchez de danar as relacións con ese país e demostra, unha vez máis, que sacou a política exterior das políticas de Estado", engadiron.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade