Leonor de Borbón promete "entrega sen condicións" e pide: "Confíen en min"
Leonor de Borbón promete "entrega sen condicións" e pide: "Confíen en min"
A princesa Leonor xura a Constitución no Congreso e no Palacio Real o rei Filipe VI impúxolle o colar da Orde de Carlos III que lle concedeu o Goberno, a máxima distinción civil en España
Pedro Sánchez garántelle á herdeira ao trono lealdade, respecto e afecto do Goberno
A princesa Leonor comprometeuse este martes, unha vez que xurou a Constitución ante as Cortes Xerais ao facer 18 anos, que desempeñará as súas obrigacións con “total dedicación e unha entrega sen condicións” e fixo unha petición aos españois: “Confíen en min”.
“Débome desde hoxe a todos os españois, a quen servirei en todo momento con respecto e lealdade. Non hai maior orgullo”, proclamou no seu discurso no Palacio Real ao recibir o Colar da Orde de Carlos III, a máxima distinción civil en España, de mans de Filipe VI tras o xuramento no Congreso.
A herdeira ao trono subliñou que asume “plenamente” os valores constitucionais e que espera corresponder con “a maior dignidade e o mellor exemplo”.
“Con este espírito e con gran sentido do deber, conducirei os meus actos en todos os ámbitos da miña vida atendendo sempre aos intereses xerais da nosa nación e observarei un comportamento que mereza o recoñecemento e o aprecio dos cidadáns”, asegurou a princesa.
Leonor de Borbón garantiu que cumprirá as súas obrigacións con “total dedicación e unha entrega sen condicións, procurando sempre crecer como persoa xunto ao agarimo e apoio da miña familia”.
“Neste día tan importante que vou lembrar sempre con emoción, pídolles que confíen en min, como eu teño posta toda a miña confianza no futuro da nosa nación, no futuro de España”, completou no seu breve discurso.
O acto de imposición da condecoración celebrouse en presenza dos reis, a infanta Sofía, o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, os ministros e as altas institucións do Estado.
Ademais de acatar a Constitución, a herdeira sinalou que tamén xurou fidelidade ao rei, “non só á súa persoa, senón tamén ao que a Coroa simboliza e representa: a unidade e permanencia de España”.
Lembrou as palabras que lle dirixiu o seu pai o 30 de xaneiro de 2018 cando lle impuxo o Toisón de Ouro: “Guiaraste permanentemente pola Constitución, cumpríndoa e observándoa. Servirás a España con humildade e consciente da túa posición institucional”.
“Son palabras que en todo momento terei moi presentes”, remarcou na súa alocución, en que destacou o "transcendente" que é este día para ela.
Leonor de Borbón afirmou que, a partir de hoxe, incorpora á súa condición de princesa o lema da Orde de Carlos III, “virtude e mérito”, e agradeceu tamén a concesión das Medallas do Congreso e o Senado.
Sánchez garántelle á princesa Leonor a lealdade, respecto e afecto do Goberno
Antes do discurso da herdeira ao trono de España, e da imposición do colar da Orde de Carlos III, o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, garantiulle á princesa Leonor a lealdade, afecto e respecto do Executivo ante a tarefa que lle corresponde como herdeira da Coroa.
Sánchez lembrou que o xuramento ou promesa é a maneira que teñen as persoas de establecer un futuro seguro nun mundo cheo de incertezas e precisou que a Constitución española é unha promesa que fixeron os nosos pais e as nosas nais. "Hoxe renovaches e deches máis futuro a esa promesa sobre a cal se funda a nosa convivencia", engadiu.
Tras considerar unha honra que o Goberno concedese á princesa a orde de Carlos III, lembrou que se trata do recoñecemento civil máis importante de España. Un país que dixo que é democrático, libre, moderno e no que o futuro se escribe con cada acción e coas decisións que tomamos.
"Hoxe ese futuro vese enriquecido polo papel que a vosa alteza comezará a desempeñar a partir de agora", engadiu.
Ademais, subliñou que as institucións dunha democracia gañan a súa estatura non só pola súa historia, senón tamén pola súa capacidade de servir ao ben común, un precepto que dixo estar convencido de que guiará o camiño da princesa.