Convocadas máis de 16.200 persoas ás oposicións do Sergas en Silleda

Hai 985 prazas en xogo: 196 na categoría de persoal de servizos xerais en centros de atención primaria e 789 na de técnico en coidados auxiliares de enfermería

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientou a aposta da Xunta por incrementar o número de prazas destinadas a persoas con discapacidade

 

G24.gal 04/11/2023 21:34 Última actualización 04/11/2023 22:08

Aproxímase a hora do exame da categoría de persoal de servizos xerais e preto de 4.800 opositores acceden ao recinto. Participou máis do 71 % dos convocados. Optan a ocupar unha das 196 prazas ofertadas.

Este sábado tamén se fixeron as probas da quenda de discapacidade para auxiliares de enfermería.

"Eu vou á promoción interna, pero por aquí  nótanse moitos nervios".

"Hai que preparalas moito. Eu estudei."

"Gustaríame ter un traballo estable e iso animoume a presentarme a esta oposición", din varios aspirantes.

O conselleiro de Sanidade supervisou o desenvolvemento da oposición. García Comesaña salientou o compromiso do Sergas coa estabilidade laboral e co obxectivo de que a temporalidade non supere o 8 % do persoal. Destacou o incremento de prazas destinadas a persoas con discapacidade.

"A Xunta de Galicia é especialmente sensible a mellorar as condicións laborais destas persoas e xa temos incorporado con emprego fixo máis de cen profesionais traballando con nós", afirma García Comesaña.

Tres mulleres embarazadas fixeron o exame no hospital no que se atopan ingresadas e algunha máis tivo que ausentarse.

"Temos sala de lactación e hai sete mulleres que van interromper para dar a lactación, temos unha sala dentro e outra fóra e dámoslles todas as facilidades, como non pode ser doutra maneira", conta a directora xeral de recursos humanos do Sergas, Ana Comesaña.

Mañá hai convocadas máis de 9.500 persoas para realizar as probas de técnico en coidados auxiliares de enfermería nas que se ofertan 789 prazas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade