O eixo atlántico é o segundo corredor de media distancia con máis movemento
O eixo atlántico é o segundo corredor de media distancia con máis movemento
Segundo o informe anual do sector ferroviario da Comisión Nacional dos Mercados e Competencia, o eixo Vigo-Santiago-A Coruña duplicou o número de viaxeiros
Renfe di que a demanda aumentou desde a posta en marcha dos abonos gratuítos e recomenda reservar os billetes con antelación en días e horas punta
É a estación de tren de Santiago á última hora da tarde do domingo, un dos momentos de maior demanda. Algúns pasaxeiros quéixanse da dificultade para atopar billetes en días e horas punta.
“Co abono de Renfe tes que coller os billetes con moita antelación, se non, non tes praza. Xa teño todos os billetes collidos para este mes, sacados desde o mes pasado”
“Moitos problemas para coller o billete. De feito, veño de intentar coller un, e nada. Está cheo para ir o día 21 a Alacant”
Renfe di que os trens completos en horarios e días punta débense ao incremento da demanda desde a posta en servizo dos abonos gratuítos en proximidades e media distancia, unha medida que o Goberno mantén en vigor desde setembro de 2022. A recomendación de Renfe é que os billetes se compren con antelación.
“A miña amiga, a primeira vez que mirou para coller o tren para Santiago, aparecían todos collidos, imaxinamos que é polo abono do tren, pero logo non, non tivemos problema”, di unha pasaxeira
“Non, non tiven ningún problema, collín o billete con antelación suficiente e non tiven problema”
O do eixo atlántico é o segundo corredor de media distancia que máis viaxeiros move en España, 2 millóns e medio de usuarios durante o ano pasado, segundo o informe anual do sector ferroviario. O número de pasaxeiros duplicouse con respecto a 2021.
A Delegación do Goberno en Galicia sostén que as incidencias do sistema ferroviario estarán solucionadas no primeiro trimestre de 2024 coa chegada dos novos trens Avril.