O xuíz cita a declarar a Jenni Hermoso o vindeiro martes polo caso Rubiales

A xogadora da selección xa deu a súa versión dos feitos ante a Fiscalía o pasado 5 de setembro, que acabou presentando unha querela contra Rubiales tras escoitar a futbolista

G24.gal 22/11/2023 13:13

O xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge citou o vindeiro 28 de novembro a xogadora da selección Jenni Hermoso para que preste declaración sobre o bico non consentido que o expresidente da Federación Española Luis Rubiales lle deu tras a final do Mundial en Sydney (Australia) o pasado 20 de agosto.

Trátase dunha dilixencia clave na causa en que se investiga a Rubiales por delitos de agresión sexual e coaccións e a outros tres membros do seu equipo cando estaba á fronte da RFEF: o exseleccionador Jorge Vilda, o director da selección masculina, Albert Luque; e o director de márketing da RFEF, Rubén Rivera.

Esta será a segunda vez que a xogadora madrileña explique a súa versión dos feitos, pois xa o fixo ante a Fiscalía o pasado 5 de setembro, que acabou presentando unha querela contra Rubiales tras escoitar á futbolista.

Naquela declaración prestada apenas uns días despois da conquista do Mundial, Jenni Hermoso denunciou que o bico non foi consentido, engadindo que tanto ela coma a súa contorna sentiron presións por parte de Rubiales e do seu equipo para que o defendese publicamente.

Tras solicitar a versión da internacional, a Fiscalía querelouse contra Rubiales na Audiencia Nacional e o xuíz acabou abrindo unha causa contra el, na que tamén están investigados por coaccións outros membros da RFEF. Os catro negaron meterlle presión á xogadora ou á súa contorna máis próxima, e o propio Rubiales segue mantendo que o bico foi consentido froito da "efusividade" e "espontaneidade" da celebración da vitoria da selección.

Nestes meses de investigación, o xuíz interrogou máis dunha decena de testemuñas, pero aínda estaba pendente una das dilixencias máis importantes, a declaración en calidade de vítima de Jenni Hermoso, xa que o xulgado non puidera cadrar a comparecencia da futbolista, que xoga no Pachuca de México. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade