A principal hipótese do crime de Arteixo: intentaron secuestralo e ao defenderse disparáronlle

Os dous detidos en relación coa morte a tiros de Guillermo Souto, veciños de Ames e Santa Comba, pasarán a disposición xudicial esta tarde

G24.gal 31/10/2023 12:10

A Garda Civil estreita o cerco para dar cos autores materiais da morte a tiros de Guillermo Souto. Ata o de agora sábese que este porteiro de discoteca de 42 anos, saíu o domingo pouco antes das 6 da tarde do seu domicilio no número 3 da rúa Xosé Pérez Ballesteros.

A menos de 100 metros, diante deste lavadoiro un coche para á súa altura. Baixan varias persoas encapuchadas. Hai unha disputa e un forcexo e logo disparos. Os investigadores da Garda Civil localizaban onte tres cascos de bala.

Descoñécese o móbil do crime, pero unha das hipóteses máis baralladas é que Guillermo pagou os pratos rotos de seu irmán, alcumado o Nocillas, un delincuente reincidente con causas pendentes.

Crese que intentaron secuestralo para cobrar unha débeda de seu irmán por algún asunto de drogas, pero Guillermo resistiuse e disparáronlle. A vítima ao parecer tiña cortes, que puideron facerlle ao intentar defenderse.

Os dous detidos, veciños de Ames e Santa Comba, permanecen na Comandancia da Garda Civil da Coruña á espera de pasar a disposición xudicial. Supostamente serían os autores intelectuais do crime. Os investigadores intentan dar co resto de implicados na morte de Guillermo Souto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade