PSOE e Junts asinan o acordo sobre a amnistía que desbloquea a investidura

O pacto inclúe na amnistía a todos os implicados no procés desde 2012 a 2023 e os casos da denominada 'lawfare', facendo referencia a aqueles nos que ven uso abusivo da xustiza con fins políticos

Junts propoñerá un referendo mentres que o PSOE defenderá o desenvolvemento do Estatut de 2006

Puigdemont condiciona a "estabilidade" da lexislatura aos avances no acordo

G24.gal 09/11/2023 08:30 Última actualización 09/11/2023 21:02

O secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, e o secretario xeral de JxCat, Jordi Turull, asinaron este xoves en Bruxelas o acordo sobre a amnistía que desbloquea a investidura de Pedro Sánchez e de cuxo contido informarán este xoves ambos os partidos.

O expresidente da Generalitat, Carles Puigdemont, compareceu a primeira hora desta tarde en Bruxelas, onde residede fuxido da xustiza. Alí dixo que o acordo ao que a súa formación chegou co PSOE abre "unha etapa inédita" e condicionou a estabilidade da próxima lexislatura aos avances do pactado.

Pola súa parte poucos minutos despois da sinatura, Santos Cerdán comparecía ante os medios de comunicación e cualificaba o pacto como "unha oportunidade histórica para resolver o conflito desde a política". "Só desde a negociación se poden resolver os desencontros", afirmou.

O texto da lei de amnistía non se fixo público polo momento, xa que as partes queren que o coñezan primeiro o resto das formacións que deben apoiala.

Non obstante, o secretario de organización do PSOE concretou que afectará a todos os relacionados co procés desde 2012 ata 2023. Respecto ao referendo de autodeterminación, Santos Cerdán asegurou que todo o que se faga será "dentro da Constitución".

Os negociadores de JxCat e o PSOE lograron pechar o acordo nas últimas horas despois duns días de intensificación dos contactos, con múltiples intercambios de documentos para puír o redactado da lei de amnistía e evitar que os seus posibles beneficiarios poidan verse afectados por interpretacións restritivas.

Unha lei de amnistía que terá que rexistrarse nos próximos días, antes do debate de investidura de Pedro Sánchez, que se espera que teña lugar a semana que vén.

Haberá amnistía para casos de xudicialización da política

O acordo asinado entre PSOE e Junts para a investidura de Pedro Sánchez inclúe a amnistía para casos da denominada 'lawfare' ou xudicialización da política, facendo referencia a aqueles nos que ven uso abusivo da xustiza con fins políticos, tal e como viña reclamando a formación independentista catalá.

"Esta lei debe incluír tanto aos responsables como aos cidadáns que, antes e despois da consulta de 2014 e do referendo de 2017, foron obxecto de decisións ou procesos xudiciais vinculados a estes eventos", destaca o acordo.  

Neste sentido, sinalan que "as conclusións das comisións de investigación que se constituirán na próxima lexislatura teranse en conta na aplicación da lei de amnistía na medida que puidesen derivarse situacións comprendidas no concepto 'lawfare' ou xudicialización da política, coas consecuencias que, no seu caso, poidan dar lugar a accións de responsabilidade ou modificacións lexislativas". 

Esta é unha esixencia de Junts que pode abrir a porta a que a amnistía tamén abarque a persoas que cometeron delitos que non están comprendidos directamente no proceso independentista, como a presidenta de Junts, Laura Borrrás ou o colaborador do expresidente catalán , Carles Puigdemont, José Luis Alay.  

"Serán os xuíces os que valoren se cubre a uns ou a outros, non se falou de nomes en particular", explicou o negociador do PSOE Santos Cerdán.   

Junts propoñerá un referendo mentres que o PSOE defenderá o desenvolvemento do Estatut de 2006

O acordo subscrito contempla que os de Carles Puigdemont propoñerán a celebración dun referendo de autodeterminación en Cataluña mentres que o PSOE defenderá o amplo desenvolvemento do Estatut de 2006.  

No pacto ambas as formacións recoñecen as súas "profundas discrepancias" e a "complexidade" e os "obstáculos" para a resolución do conflito, porque mentres que Junts considera "lexítimo" o resultado e o mandato do referendo do 1 de outubro de 2017, o PSOE "nega toda legalidade e validez" ao referendo e á declaración, e mantén o seu rexeitamento a calquera acción unilateral". 

Con todo, tanto o PSOE como Junts constatan que se poden alcanzar acordos importantes "sen renunciar ás respectivas posicións", e para a súa consecución as partes acordaron dotarse dun mecanismo "internacional" para "acompañar, verificar e realizar seguimento de todo o proceso de negociación e dos acordos entre ambas as formacións aos que se chegue".  

En concreto, o acordo recolle que na primeira reunión de negociación, a celebrar neste mesmo mes de novembro, exporase que Junts propoñerá a celebración dun referendo de autodeterminación sobre o futuro político de Cataluña "e amparado no artigo 92 da Constitución".  

E, do seu lado, o PSOE defenderá o "amplo" desenvolvemento, a través dos mecanismo xurídicos oportunos, do Estatut de 2006, así como a plena despregadura e o respecto ás institucións do autogoberno e á singularidade institucional, cultural e lingüística de Cataluña

Junts pedirá o 100 % dos tributos para Cataluña

O documento contempla que Junts pida "a cesión do 100 % de todos os tributos que se pagan en Catalunya" á Generalitat.

O pacto de investidura sitúase no comezo dunha negociación con distintas posicións por ambas as partes, e condiciona "a estabilidade da lexislatura" a "os avances e cumprimento dos acordos que resulten das negociacións".

Deste xeito, apunta algunhas propostas ao lado de Junts, como é, "no ámbito dos déficits e limitacións do autogoberno", que esta formación "propoñerá de entrada unha modificación da LOFCA" (a norma que regula o financiamento das autonomías) "que estableza unha cláusula de excepción de Cataluña que recoñeza a singularidade na que se organiza o sistema institucional da Generalitat".

En virtude desta singularidade, Junts propoñerá "a cesión do 100 % de todos os tributos que se pagan en Cataluña", di o documento.

"E, pola súa banda, o PSOE apostará por medidas que permitan a autonomía financeira e o acceso ao mercado de Cataluña, así como un diálogo singular sobre o impacto do actual modelo de financiamento sobre Cataluña", engade o documento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade