Q ONU alerta de risco de fame negra en toda a Franxa de Gaza
Q ONU alerta de risco de fame negra en toda a Franxa de Gaza
As Nacións Unidas din que o 70 % da poboación ten perigo de morte por falta de combustible e alimentos
A ONU alerta do risco de fame negra en toda a Franxa de Gaza.
Israel acaba de autorizar a entrada de dous camións diarios de combustible. Pero a estas alturas, segundo as Nacións Unidas, pouco solucionan. O propio Goberno israelí admite que representan só un 2 % da cantidade que entraba en Gaza antes da guerra.
A ONU denuncia que máis do 70 % da poboación da Franxa está sen acceso a este recurso vital, o que na práctica supón que está en risco de morte. Sen combustible pararon o 90 por cento dos hospitais, as panaderías e as potabilizadoras de auga, o que fixo que se dispararan as intoxicacións e as enfermidades. Todo baixo os ataques continuos do exército israelí, e co inverno ás portas.
As forzas israelís dan por controlada a cidade de Gaza, e avanzan nunha nova fase cara ao sur. Sen perder o control da fronteira norte co Líbano, onde este venres atacaron varios obxectivos de Hizbulá.
Os ministros de Exteriores da Unión Europea abordarán a situación da Franxa o próximo luns co xefe da diplomacia comunitaria. Josep Borrell admitiu nas últimas horas que a guerra de Israel contra Hamas é o resultado, dixo, dun fallo político e só unha solución política pode parala.