Rebelo medita o adianto electoral en Portugal

O presidente reúnese coas forzas parlamentarias tras a dimisión de António Costa

A convocatoria electoral podería demorarse ata a aprobación dos orzamentos

Antón Montero 08/11/2023 19:43 Última actualización 08/11/2023 20:31

O presidente da República recibiu os representantes dos oito partidos con representación parlamentaria en Portugal.

A partir das súas opinións e da que escoitará este xoves do Consello de Estado, Marcelo Rebelo de Sousa tomará a súa decisión sobre como cubrir o baleiro que deixou a dimisión do primeiro ministro António Costa.

Sobre a mesa hai tres opcións: que un dos actuais ministros tome as rendas do Goberno, nomear un executivo de designación presidencial ou, a máis probable, e favorita da maioría dos partidos, convocar eleccións anticipadas.

Para Paulo Raimundo, secretario xeral do Partido Comunista Portugués: "A única solución que existe para darlle resposta a este problema é a disolución da Asembleia da República e a convocatoria de eleccións".

Mariana Mortágua, coordinadora do Bloco de Esquerda, cre que "en democracia, crises políticas coma esta resólvense convocando eleccións". E o voceiro de Livre, Rui Tavares, di que "estas eleccións deben ser convocadas o máis axiña posible".

O máis reticente é o propio Partido Socialista, dono dunha maioría absoluta na Asembleia, que afrontaría os comicios sen o seu principal activo electoral nos últimos oito anos. A convocatoria electoral non ten que ser inmediata.

De feito, segundo algúns dos interlocutores do presidente, Rebelo de Sousa inclínase por esperar a aprobar antes os orzamentos de 2024, en plena tramitación e pendentes só dunha derradeira votación dentro de 20 días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade