OPINIÓN

Os países deberán iniciar un proceso de consolidación fiscal, por María Bastida

G24.gal 23/11/2023 08:34

A pandemia de covid-19 deixou unha pegada profunda nas economías mundiais, que responderon con incrementos significativos do gasto público. Asemade, en marzo de 2020 a Comisión Europea activou a "cláusula xeral de salvagardara" do Pacto de Estabilidade e Crecemento, unha medida excepcional para facilitar o investimento público en resposta á pandemia. Pero, desde que superada a emerxencia sanitaria, termina a situación de excepcionalidade, o cal implica desactivar a dita medida ao longo dos próximos meses. Isto implica que os países deberán iniciar un proceso de consolidación fiscal, é dicir, de redución do déficit e débeda públicos.

España non foi excepción na resposta á pandemia e non o é tampouco no necesario axuste do gasto público. É certo que as medidas implantadas durante a pandemia tiveron efectos positivos, como a contención do desemprego e o apoio á economía durante os momentos máis críticos, pero este enfoque xerou un endebedamento significativo que agora require de medidas de axuste. O país afronta o reto de xestionar unha débeda pública que supera o 100 % do PIB, nun contexto ademais en que os incrementos nos tipos de interese engaden unha nova dimensión ao desafío ao implicar maiores custos de endebedamento á hora de refinanciar a débeda pública.

Esta semana, a Comisión Europea avaliou os proxectos orzamentarios dos 27 Estados membros da UE nun contexto en que a economía europea está a perder impulso e se prevé o retorno á rixidez fiscal suspendida desde 2020. No caso de España, a Comisión Europea aprobou a prórroga orzamentaria enviada polo Goberno, considerándoa acorde coas recomendacións da UE. Con todo, é preciso introducir algúns matices: en primeiro lugar, a avaliación para o noso país é incompleta, xa que os Orzamentos Xerais do Estado para 2024 aínda non se tramitaron. En segundo lugar, ese borrador expúxose con políticas constantes pola situación de interinidade do Goberno, e non prevía a axenda social que debullou Pedro Sánchez durante a súa investidura. Certo que as promesas de Sánchez non parecen ter un impacto particularmente elevado en termos orzamentarios, pero si que engaden un extra de gasto que ata o de agora non estaba previsto. Ademais, a prórroga orzamentaria prevé o fin das medidas do plan anticrise, pero entre esas promesas tamén se inclúe a extensión dalgunhas, como a redución do IVE en alimentos básicos e a gratuidade do transporte público. As previsións de Bruxelas indican un déficit do 4,1 % en 2023 e unha redución ao 3,2 % no ano seguinte, debido principalmente á eliminación gradual destas medidas. Haberá que esperar ás novas previsións cando se decaten de que non soamente non se eliminan, senón que se engaden unhas novas.

Aínda sen incluír este maior gasto, o certo é que a situación fiscal de España descríbese como "moi difícil", e Bruxelas está a solicitar unha estratexia fiscal a medio prazo crible para reducir a débeda e o déficit. A favor do Goberno xoga que esta situación delicada non é exclusiva de España. A Comisión Europea cre que Francia, Bélxica, Finlandia e Croacia están en risco de non cumprir coas recomendacións expostas por Bruxelas. Ademais, outros nove Estados —Alemaña, Italia, Austria, Luxemburgo, Letonia, Malta, Portugal, Países Baixos, Eslovaquia— tampouco están completamente en liña coas recomendacións da Comisión. Pola contra, organismos como a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AiRef) sinalaron certos riscos. Se o crecemento do PIB diminúe, a inflación se reduce ou o aumento de prezos non impacta na produción interna, poderíase dificultar o cumprimento dos obxectivos de déficit e implicar un axuste fiscal máis amplo. Isto débese a que un PIB máis baixo implicaría menores ingresos fiscais e, ao mesmo tempo, habería un aumento en gastos como subsidios e prestacións de desemprego. A combinación de menores ingresos e maiores gastos complicaría o cumprimento das metas de déficit establecidas.

Esta situación pon a España nunha encrucillada económica. Por unha banda, a consolidación fiscal é imprescindible para garantir a sustentabilidade a longo prazo das finanzas públicas. Por outro, existe un risco real de que medidas demasiado restritivas poidan afectar negativamente a recuperación económica e a cohesión social. O certo é que a Comisión Europea identificou desequilibrios ou desequilibrios excesivos en varios países, incluída España, e planea realizar revisións profundas no ciclo 2023-2024. As decisións sobre posibles procedementos de déficit excesivo, que poden implicar sancións, tomaranse en xuño de 2024 conforme a datos que publicará Eurostat en marzo. As novas regras fiscais ofrecerán maior flexibilidade para que os Estados membros axusten a súa senda fiscal, pero tamén facilitarán a imposición de multas. Veremos con que parte da balanza queda España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade