Sánchez pídelle "cordura e mesura" ao PP e que "acepte o resultado das urnas"
Sánchez pídelle "cordura e mesura" ao PP e que "acepte o resultado das urnas"
Fixo referencia ás protestas ante a sede do PSOE en Madrid e suxeriulle ao PP que se desmarque da extrema dereita
Prometeu gobernar catro anos máis "para todos os españois e españolas", garantindo a convivencia e a estabilidade
O líder do PSOE e presidente do Goberno en función presentouse en Málaga como un "dique de contención contra a onda reaccionaria" nas pasadas eleccións xerais de xullo. Explicou que o futuro executivo español vai ter o apoio de 179 escanos e engadiu que "todos eles son representantes da vontade popular".
Na clausura do Congreso do Partido Socialista Europeo, Pedro Sánchez aludiu ás protestas destes días ante a sede de Ferraz, en Madrid, e falou dunha "ultradereita que exhibe símbolos e proclamas dun pasado escuro" coa "complicidade" dunha dereita tradicional "parasitada".
"Unha dereita desnortada, desbordada, incapaz de plantar cara á dereita máis reaccionaria", criticou.
Nese fío discursivo, dirixiuse ao PP para pedirlle contención e suxerirlle que se desmarque da extrema dereita.
"A esa dereita gustaríame dirixirme hoxe, ao Partido Popular, para pedirlles cordura e mesura e para dicirlles que o que deben facer é aceptar o resultado das urnas, a lexitimidade do goberno que imos formar pronto en España. E que teñan a ousadía necesaria para dicir non ao abrazo do oso da ultradereita e que abandonen a senda reaccionaria pola que hoxe avanzan cara ao abismo", dixo ante a ovación do público.
No discurso non houbo referencias á amnistía nin aos contidos concretos dos pactos de investidura. Iso si, insistiu na idea de que España só pode ser gobernada se se recoñece o seu "pluralismo político e a diversidade territorial".