Sanidade dá por resolto o fallo eléctrico que afectou o sistema informático do Sergas

Fontes do departamento autonómico explicaron que, ao longo da xornada deste mércores, as xerencias das sete áreas sanitarias galegas avaliarán as incidencias e o alcance da situación

G24.gal 15/11/2023 09:43

A Consellería de Sanidade comunicou que o fallo eléctrico rexistrado este martes pola tarde, que afectou a central de procesamento de datos do Sergas, quedou xa resolto e, desde a pasada medianoite, "os sistemas xa están operativos e funcionan con normalidade".

Fontes do departamento autonómico explicaron que, ao longo da xornada deste mércores, as xerencias das sete áreas sanitarias galegas avaliarán as incidencias e o alcance da situación. As mesmas fontes explicaron que o incidente se produciu sobre as 18:00 horas deste martes, cando se rexistrou un "pico de tensión" na subministración eléctrica que abastece a central de procesamento de datos do Sergas (situado en Santiago). Iso imposibilitou o emprego de dispositivos informáticos na rede sanitaria pública e quedaron afectados os accesos ás plataformas que normalmente usa o persoal sanitario: historia clínica, IANUS, receita electrónica, ou a propia App SergasMóbil.

"Desde o momento en que se tivo coñecemento da incidencia, comezouse a traballar na súa reparación e contactouse cos directivos de garda de todas as áreas sanitarias, por medio dos xerentes, para que activasen os plans de continxencia", sinalaron fontes sanitarias.

Ademais, Sanidade engadiu que tamén se contactou cos Colexios Oficiais Farmacéuticos para informar desta incidencia e darlles as indicacións oportunas sobre a prescrición de medicamentos. En todo caso, matizaron na Consellería, os servizos sanitarios de Urxencias-061 "puideron prestar a súa asistencia á cidadanía".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade