O Sergas e Farmaindustria avogan por achegar os ensaios clínicos aos centros de saúde
O Sergas e Farmaindustria avogan por achegar os ensaios clínicos aos centros de saúde
Cren que así haberá máis equidade no acceso dos pacientes á innovación médica
Os centros sanitarios que realizan investigación biomédica teñen unha mellor atención aos pacientes. Con esta premisa, os servizos públicos de saúde e os responsables da industria farmacéutica avogan por estender os ensaios clínicos desde o ámbito hospitalario á Atención Primaria. Cren que así haberá máis equidade no acceso á innovación.
Neste momento hai en España 4.000 estudos clínicos en marcha, e 170.000 persoas que participan neles de forma voluntaria. Os datos déronos na xornada de Farmaindustria, que avoga por estender a investigación ao ámbito dos centros de saúde, xa que ata agora se desenvolve principalmete nos institutos dos hospitais.
"Porque os pacientes son os principais beneficiarios destes ensaios, xa que grazas a eles poden acceder a tratamentos innovadores aínda non autorizados. E en certas patoloxías graves, cando os outros tratamentos xa fracasaron, isto pode significar ata a propia supervivencia", declarou Cristina Henríquez de Luna, a Vicepresidenta de Farmaindustria.
"En Galicia hai 64 centros de saúde implicados en ensaios clínicos. Producimos aproximadamente o 10 % da investigación clínica en Atención Primaria deste país. Aspiramos a máis. Queremos ser un laboratorio deste tipo e cousas, porque cremos que ese laboratorio vai impactar positivamente nos nosos pacientes", explicou Antonio Gómez Caamaño, o conselleiro de Sanidade.
Na xornada da mañá interveu a encargada de avaliar os proxectos presentados ás bolsas do Instituto de Investigación Carlos III, que con fondos europeos reparten unha media de 700.000 euros por proxecto. Explicou que achegar a investigación á Atención Primaria favorece a equidade no acceso á innovación médica.