Todo preparado para a sesión de investidura de Pedro Sánchez
Todo preparado para a sesión de investidura de Pedro Sánchez
O candidato socialista ten comprometidos 179 apoios, que lle garanten ser investido por maioría absoluta na primeira votación
Ante a previsión de protestas, Interior blindará o Congreso con máis de 1.600 axentes da Policía Nacional e da Garda Civil
A sesión de investidura comezará este mércores ás doce do mediodía coa intervención, sen límite de tempo, de Pedro Sánchez. O candidato exporá ante o Congreso o seu programa de goberno e, seguindo o procedemento parlamentario, pedirá a confianza da Cámara.
Despois diso, a sesión suspenderase ata a tarde, cando intervirán os grupos parlamentarios para fixar a súa posición. De maior a menor e cun tempo de trinta minutos.
Sumar anuncia que non haberá repartición de tempo entre os partidos que conforman a confluencia, tal e como pedía Podemos. Intervirá en nome de todos Yolanda Díaz.
Aina Vidal, portavoz adxunta de Sumar, di: "Entendemos que ten que ser un día de unidade e que temos que defender cunha soa voz a posición do noso grupo".
Pedro Sánchez poderá tomar a palabra sempre que queira, por tempo ilimitado, e responder a cada grupo por separado ou a todos xuntos.
O procedemento prevé réplicas e contrarréplicas, o que fai que a sesión se dilate ata o xoves. A votación realizarase ao final das intervencións. E, salvo sorpresa, Sánchez será investido presidente do Goberno en primeira votación por maioría absoluta.
Será o seu cuarto debate de investidura. No que suma máis apoios, 179 votos a favor, pero tamén o que se celebra no momento de máis tensión política, marcado polo enfrontamento sobre a amnistía.
Cuca Gamarra, portavoz do PP no Congreso, asegura: "É unha investidura que ten un prezo político inmoral, un prezo xurídico ilegal e un prezo económico inasumible".
Ante o anuncio de protestas ás portas do Congreso, Interior vai despregar un dispositivo de seguridade con máis de 1.600 axentes da Policía Nacional e da Garda Civil.
"Creo que é moi importante facer un chamamento á calma e á tranquilidade. O dereito de manifestación e o seu respecto constitucional exclúe todo tipo de violencia", di Isabel Rodríguez, portavoz do Goberno en funcións.
O dispositivo de seguridade será un dos maiores despregados en Madrid para blindar un acto público, e non ten precedentes para unha sesión de investidura.
A voceira do Goberno en funcións, Isabel Rodríguez, adiantou que o discurso de investidura de Pedro Sánchez fixará as liñas de traballo para esta investidura. E será, dixo, o eixe sobre o que pivotará a acción do futuro goberno durante os próximos catro anos.
O Partido Popular difundiu esta foto de Alberto Núñez Feijóo na véspera, preparando o debate, con dous dos seus máis estreitos colaboradores. Fontes populares din que Feijóo pretende darlle voz no Congreso aos cidadáns que non entenden os pactos do PSOE cos independentistas.