Traballo convoca a patronal e os sindicatos para debater a suba do salario mínimo
Traballo convoca a patronal e os sindicatos para debater a suba do salario mínimo
A patronal propón un incremento do 6 % os dous vindeiros anos
Os sindicatos piden unha suba que alcance o 60 % do salario medio
O encontro está fixado para o próximo xoves, 30 de novembro
O Ministerio de Traballo convocou a sindicatos e patronal a unha reunión que se celebrará o vindeiro xoves, 30 de novembro, para debater a próxima suba do salario mínimo interprofesional (SMI), segundo confirmaron fontes de Comisións Obreiras.
Esta mesma semana, a ministra Yolanda Díaz dixo que o SMI "ten que manter o poder adquisitivo" e subir en liña coa taxa media do IPC entre decembro de 2022 e novembro deste ano, que, segundo estima, estará entre o 3,7 % e o 3,8 %.
A patronal CEOE-Cepyme propuxo subir o SMI un 6 % os dous próximos anos, a 1.112,4 euros en 14 pagas no 2024 e a 1.145,77 no 2025. Os sindicatos CC OO e UXT considérano "insuficiente", aínda que valoran "a súa vontade" de levar a cabo a alza para o próximo ano.
As organizacións sindicais propoñen unha suba que alcance o 60 % do salario medio tendo en conta a evolución do prezo dos produtos básicos, como a alimentación.
Yolanda Díaz xa anunciara que convocaría "de xeito inmediato" sindicatos e patronal tras a investidura de Pedro Sánchez para abordar este asunto.
Suba do 47 % dende 2018
Agora, o SMI é de 1.080 euros mensuais en 14 pagas tras incrementarse un 8 % respecto ao do ano anterior. Desde que o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, chegou á Moncloa, subiu un 47 %, dende os 735 euros de 2018.