Sánchez pide apoiar a amnistía nunha carta aos militantes: "É o camiño correcto"
Sánchez pide apoiar a amnistía nunha carta aos militantes: "É o camiño correcto"
Xa está aberta a consulta do PSOE sobre os pactos de investidura na que poden votar os 172.600 afiliados do partido. Os resultados coñeceranse o vindeiro domingo
ERC advirte que o acordo está "lonxe" a pesar de que se "intensificaron" as negociacións
O secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, enviou unha carta aos militantes socialistas na que lles pide o seu apoio na consulta que leva a cabo esta semana para dar luz verde ao acordo de coalición con Sumar que necesita o apoio dos partidos independentistas cataláns.
Na misiva, Sánchez defende a amnistía como o "camiño correcto" para seguir avanzando na convivencia.
Sánchez di que para alcanzar a maioría necesaria teñen que acordar unha maioría "máis ampla" que "demanda seguir avanzando no reencontro para superar as feridas aínda abertas, produto dunha crise que os socialistas herdamos ao chegar ao goberno", apunta.
"Teño a convicción de que a amnistía contribuirá a facelo. A experiencia dinos que é o camiño correcto, como acredita o éxito de medidas adoptadas na pasada lexislatura. Medidas que contribuíron de forma innegable a mellorar a convivencia en Cataluña", sinala o texto.
Así mesmo sinala que non van contar co apoio da dereita "que, unha vez máis, quítase de no medio nun momento crucial para España" aínda que se mostra convencido de que o tempo lles "dará a razón".
Na consulta do PSOE poden votar os seus máis de 172.600 militantes. Responden a unha pregunta, se apoian o acordo con Sumar e con outras formacións políticas para acadar a investidura.
Os resultados coñeceranse o próximo domingo, e iso podería despexar a data para a investidura, que nestes momentos segue no aire. Os xornalistas insisten en preguntar para cando o pleno. Algunhas fontes do PSOE apunta xa á próxima semana, a do 6 de novembro, pero, oficialmente, mantense a incógnita.
Isabel Rodríguez, voceira do Goberno en funcións, asegurou que os deputados teñen "unha dedicación 24/7, 365 días ao ano, ou sexa, que a dispoñibilidade é absoluta e sempre".
Tampouco Sumar despexa dúbidas. O seu voceiro, Ernest Urtasun, apuntou que "lle corresponde á presidenta do Congreso" fixar a data. A líder do partido, Yolanda Díaz, si se amosa optimista coas negociacións e cre que "xa estamos máis preto de ter un goberno novo de coalición progresista".
O freo pono o independentismo catalán. Segundo apuntou a voceira de ERC en rolda de prensa, "a pesar de que se intensificaron as negociacións, seguimos lonxe de acadar un acordo". Para Raquel Sans, "se Pedro Sánchez tén présa, sabe a que aterse".
Tamén mete presión o independentismo vasco. Arnaldo Otegi, coordinador xeral de EH Bildu, desexa que "todo o mundo estea á altura das circunstancias, do momento histórico e sexamos capaces de abrir a segunda lexislatura". En canto á data do pleno de investidura, o líder abertzale considera que "canto antes mellor".
Dende o PP esíxenlle á presidenta do Congreso que poña xa data para o pleno. Para Cuca Gamarra, secretaria xeral do partido, "que sexa o PSOE quen avanza cando lle gustaría que fose a data de investidura é un síntoma máis da degradación".
O vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, cre que a lei de amnistía que o PSOE prepara a cambio do apoio dos independentistas cataláns vai en contra da Constitución.