Xoguetes en madeira para o Nadal e para manter as tradicións
Unha empresa de Lugo crea unha maqueta do Apalpador
Hai vinte anos que na empresa de Ildefonso comezaron a traballar co maquetismo. Foron creando coleccións de dinosauros, insectos, aves, edificios ou vehículos. Tamén unha colección sobre o Nadal, que comezou con este nacemento e á que cada ano lle engadiron novas maquetas, a deste 2023 é a figura do Apalpador.
"O Apalpador, ademais, ten unha vantaxe, que vén dúas veces no Nadal, o día de Noiteboa e o 31 de decembro. Papá Noel só traballa un día e iso non pode ser. Nós completamos unha serie de adornos pensando en que nenos e adultos interveñan na decoración, que non compremos todo feito", explica Ildefonso de Andrés.
Trátase de apostar por xoguetes de madeira, sustentables. Nesta colección recollen tradicións doutras zonas.
"O Olentzero, que é o Apalpador do País Vasco, o Tió que é o de Cataluña e o Angulero que é de Asturias. E tamén temos o noso competidor, que tamén o fixemos, o Papá Noel. Pero o personaxe importante aquí é o Apalpador", matiza Ildefonso.
Coas maquetas implícanse as pequenas e os pequenos na consecución do xoguete final.