"A banca española está inmunizada fronte aos problemas de Credit Suisse"
"A banca española está inmunizada fronte aos problemas de Credit Suisse"
O fundador de Analistas Financeiros Internacionais Ángel Berges considera que a crise do Credit Suisse se solucionará cunha inxección de liquidez do banco central suízo e lembra que en 2008 o principal banco helvético, o UBS, xa recibira 60.000 millóns dos fondos estatais
Nunha entrevista na Radio Galega, Ángel Berges asegura que a banca española está "bastante inmunizada" fronte aos problemas do banco suízo porque non é unha banca de investimentos e non comparte posicións con esa entidade finaceira
O fundador de Analistas Financeiros Internacionais Ángel Berges explicou na Radio Galega que a crise do Credit Suisse era en certa maneira unha crise anunciada. Segundo Berges, é unha entidade con problemas desde hai moito tempo, con posicións especulativas de alto risco e con operacións pouco transparentes.
Con todo, o analista confía en que a inxección de liquidez do Banco Central suízo solucione a curto prazo os problemas do banco e evite o contaxio a outros bancos de investimento europeos e americanos.
"O detonante foi que quen puxo capital en Credit Suisse hai uns cantos meses, que é o Banco Nacional Saudita, decidiu que non mete máis capital porque cre que non o vai recuperar convenientemente. O banco afronta por tanto unha insuficiencia de capital".
"Este banco tivo moitos problemas desde hai moito tempo con posicións especulativas, con posicións de moi alto risco e mesmo foi multado en moitas ocasións polo goberno dos EUA en relación con prácticas opacas, non direi de lavado de diñeiro, pero en todo caso operacións pouco transparentes".
"A resolución deste banco requirirá esa inxección de capital por parte do seu goberno e do seu banco central, pero tamén dunha coordinación con outros bancos centrais como o europeo, o norteamericano e o británico para chequear que non ten lazos de posicións interbancarias con bancos que lle poida facer algún dano".
"O maior banco de Suíza, o UBS, xa recibiu unha inxección de capital de case 60.000 millóns de euros en 2008. Por tanto non sería a primeira vez. Eu creo que si, que pode resolvelo e deixar claro que é un problema dun banco concreto".
"Este é un típico banco de investimento, e como a banca española non é de investimento e nunca o foi, eu creo que está bastante inmunizada. No caso dos bancos europeos máis expostos a solución virá do BCE".