'A forza do destino, de Verdi, inicia a temporada lírica na Coruña
'A forza do destino, de Verdi, inicia a temporada lírica na Coruña
O barítono galego Borja Quiza, entre os intérpretes que acompañarán a soprano Ángela Meade
'Norma, de Bellini, na programación deste ano, baixo a dirección artística de Aquiles Machado
Arranca a temporada lírica na Coruña, e xa van 70, da man da Asociación de Amigos da Ópera. Este ano, un dos pratos fortes ofrécese este mesmo sábado. O Teatro Colón acolle a ópera de Verdi A forza do destino en versión concerto.
Entre os intérpretes, o barítono galego Borja Quiza, que nun descanso dos ensaios finais amosa a súa ledicia por interpretar a Verdi e facelo na casa.
"É unha desas óperas que un soña toda a vida con chegar a cantar algún día, e chegou o momento; facelo na miña cidade e rodeado da miña xente.... estou moi contento".
A falta de dous días para abrir o pano, a Orquestra Sinfónica de Galicia apura os últimos ensaios da versión concerto da Forza do destino, unha referencia do melodrama italiano baixo a dirección de Giuseppe Finzi, que suporá o debut absoluto da soprano Angela Meade no rol principal.
Borja Quiza foxe de etiquetas. Transita desde hai uns anos desde roles cómicos da zarzuela a interpretacións operísticas dramáticas, mesmo con incursións no cine como Don Giovanni. Para el, a música e o canto en particular non poden ter límites.
"Estou moi contento de que a miña evolución natural e técnica me levara a facer este repertorio".
Un repertorio que arroupa e potencia o novo director artístico da programación lírica da Coruña. O tenor Aquiles Machado colle o testemuño con afán expansivo.
"Só podemos facer un título escenificado esta temporada, a nosa idea e poder ampliar esta oferta", di.
A ópera escenificada desta edición será a Norma, de Bellini, os vindeiros 22 e 24 de setembro. Ademais, moitas outras propostas terán cabida ata decembro na edición número 70 da programación lírica na Coruña.