Alumnado de seis centros galegos levan á escena a ópera 'Le Villi', de Puccini
Alumnado de seis centros galegos levan á escena a ópera 'Le Villi', de Puccini
A estrea coincidiu co 140 aniversario da primeira representación da obra en Milán
O Teatro Colón da Coruña acolleu a representación da ópera Le Villi, de Puccini. Foi unha función especial porque tras o inmenso esforzo que esixe unha produción destas características están cento cincuenta alumnos de seis centros de ensino galego.
O traballo en equipo brindoulles a oportunidade de vivir unha experiencia profesional única.
"Porque non é o mesmo preparar todo estes elementos por separado que ter que poñer todo en común", explica Diego Segade, vicedirector do Conservatorio Superior de Música da Coruña.
A música do Conservatorio Superior de Galicia, a danza dos bailaríns da Escola de Arte Dramática, as proxeccións de Pablo Picasso e o traballo técnico dos centros integrados da FP Imaxe e Son, Paseo das Pontes e Someso, os tres da Coruña. Foi unha colaboración multidisciplinar e enriquecedora para todos.
"Facer isto neste teatro é impresionante. É o que nos gusta, bailar. Facelo con xente profesional é unha oportunidade", conta Maruxa Gemperle, que estuda na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
"A primeira vez que os músicos tocaron en directo foi impresionante. A nosa directora dixo que nunca nos vira con esa enerxía e esas ganas", di Sandra Zarco, que forma parte do corpo de baile.
Transcorreron cento corenta anos e un día desde que Puccini presentou a súa primeira ópera en Milán. Le Villi conseguiu un grande éxito na súa estrea coruñesa.