"Ana non ten queixa do trato recibido máis alá da propia detención"
"Ana non ten queixa do trato recibido máis alá da propia detención"
Ana Baneira ten previsto chegar a primeira hora desta tarde á Coruña
Ana Baneira, a activista galega retida desde novembro en Irán, ao ser arrestada no marco das protestas pola morte da moza kurda Masha Amini, ten previsto chegar a primeira hora desta tarde á Coruña, logo da súa liberación este sábado.
Llerena Perozo, voceira da familia, explicaba este luns no programa Bos días que, polo momento, teñen moi pouca información sobre o seu estado, xa que pouco puideron falar con ela desde que foi posta en liberdade.
"As únicas comunicacións foron moi breves e relacionadas coa viaxe e a ruta, que houbo cambios, e o normal. Sabemos que está igual: cansa e contenta", explica Llerena Perozo.
Sobre estes meses detida en Irán si aclaran que o trato por parte das autoridades iranianas foi correcto. "O que ela mesma lle dixo a familia, nas semanas anteriores en que puideron falar, é que estaba ben, que estaba tranquila, que a trataron ben e que se atopaba acompañada por outras mulleres e entretida. Ela non ten queixa do trato máis alá da propia detención".
"Nuns días será ela quen poida dar os detalles, porque xa se pode imaxinar que as conversas cunha nai son que tal dormes, que tal comes, e como te atopas", di Llerena Perozo.
A súa chegada esperta unha grande expectativa, pero a familia pide que nestas primeiras horas na casa se lle dea espazo a Ana para poder recuperar a normalidade. "Leva un montón de tempo fóra da casa. O que precisa é que a deixemos chegar. Agora o que necesita é reunirse coa súa familia, ir á súa casa, e imaxino que darse unha ducha e botar unha boa sesta".
Respecto a Santiago Sánchez Cogedor, un español tamén retido en Irán, a voceira da familia de Ana Baneira di que "só se dá unha coincidencia no tempo e no lugar". "Non hai maneira de relacionar ambos os casos", conclúe.