'As 7 e 7: Hora de Falar', reinterpreta obras de creadoras no Museo Provincial de Lugo
'As 7 e 7: Hora de Falar', reinterpreta obras de creadoras no Museo Provincial de Lugo
A mostra percorre a arte creada por mulleres baixo a ollada de autoras emerxentes
O Museo Provincial de Lugo, un dos máis completos do país, reúne e preserva bens do patrimonio cultural lucense, entre os que se encontran obras artísticas de sete autoras dos séculos XIX e XX. A mostra 'As 7 e 7', comisariada por Sergio Marey, fai un percorrido pola arte plástica creada por esas mulleres, e faino baixo a ollada doutras tantas artistas emerxentes.
A mostra colectiva reúne un total de 14 obras, a metade delas da propia exposición permanente do museo. As que serven de referencia teñen como a autoras a artistas históricas, que son Maruja Mallo, Xulia Minguillón, María del Carmen Álvarez de Sotomayor, María del Carmen Corredoira e Luísa Pérez Herrero, e a artistas consagradas, como son Violeta Bernardo e Mónica Alonso. É dicir, mulleres que atravesaron dificultades para visibilizar os seus traballos.
Tocante ás artistas emerxentes, son Noa Costas, Carmen Quintáns, Sabela Eiriz, Andrea Otero, Greta Debelius, Christina Chiarroni e o colectivo formado polas irmás Noa e Lara Castro Lema. Son creadoras novas, que, coma os seus referentes, loitan polo recoñecemento do seu labor e pola posta en valor das súas obras nas galerías de arte e nas coleccións museísticas.
Pero 'As 7 e 7' quere ir máis alá dunha mera exposición de obras de arte realizadas por mulleres. Aspira a abrirse á sociedade a través da organización de obradoiros para todas as idades, visitas guiadas ou mesas redondas.