Publicador de contidos
Publicador de contidos

"As respostas están na ciencia", acto contra a desinformación

"As respostas están na ciencia", acto contra a desinformación

Evento celebrado en Compostela para reivindicar a investigación científica fronte ás novas falsas

Participaron colexios profesionais sanitarios de Galicia e facultades de ciencias sanitarias da nosa comunidade

Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal, foi o encargado de ler o manifesto
G24.gal 05/03/2022 14:40

A pandemia supuxo un reto difícil para a comunidade científica internacional. En pouco tempo, investigadores, científicos e sanitarios tiveron que dar respostas ante un virus daquela descoñecido, e á vez loitar contra as noticias falsas e a desinformación.

Pois ben, todo ese esforzo foi homenaxeado este sábado nun acto en Compostela no que participaron academias, colexios profesionais sanitarios de Galicia e facultades de ciencias sanitarias. Defenden o coñecemento científico fronte ás falsidades e a desinformación en Internet.

Se algo nos deixou aínda máis claro esta pandemia é que "as respostas están na ciencia", e ese é precisamente o título do acto celebrado en Compostela no que participaron as academias e colexios profesionais sanitarios de Galicia, xunto aos decanos e directores das facultades de ciencias sanitarias da comunidade.

Foi un acto en defensa do coñecemento científico fronte ás noticias falsas e a desinformación.

"Os novos medios o que fan é que se personalice a información. Se te metes en Tik Tok ou en Instagram, os antivacinas nada máis escoitan novas antivacinas, non escoitan outras cousas distintas. Por iso é importante explicar de novo que é a ciencia, que é o método científico, por que hai que escoitar os científicos e as autoridades sanitarias que seguen métodos científicos", dixo Ángel Carracedo, director do Grupo de Medicina Xenómica do CiMUS e catedrático de Medicina Legal.

Neste acto, Ángel Carracedo foi o encargado de ler un manifesto. Nel destacou o esforzo realizado pola comunidade científica internacional e cualificou a resposta desta de "excelente", tamén a da sociedade en xeral.

"Os cidadáns, especialmente en Galicia, tiveron unha resposta impresionante, foi un dos sitios onde as vacinas tiveron máis éxito do mundo. Aquí a xente cre na ciencia", destacou.

Agradecen que se puxeran en valor todos os sectores sanitarios e a investigación científica, pero reivindican que hai que ir máis aló.

"Aínda non existe unha clara carreira investigadora, penso que se comeza a dar os primeiros pasos pero hai que facer un esforzo de recoñecemento, pero de translación á realidade de que a xente que se dedica á investigación teña carreiras dignas e claras, coma calquera outro profesional, pero aínda non é así", asegurou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade