Cándido Pazó estrea en Cangas unha comedia 'denegrida' de Martin McDonagh
Cándido Pazó estrea en Cangas unha comedia 'denegrida' de Martin McDonagh
Entrega en man. Unha comedia denegrida é o novo espectáculo da compañía Contraproducións, a partir dun texto do angloirlandés Martin McDonagh
Forman o elenco Evaristo Calvo, María Roja, Santi Romay e Diogo Sales
A montaxe abre a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
A 40ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ábrese o domingo 25 de xuño coa estrea de Entrega en man, unha nova adaptación ao galego dun texto do dramaturgo e director de cine angloirlandés Martin McDonagh.
Como adoita ocorrer nos textos de McDonagh, a obra é divertida e amarga á vez, unha comedia negra que Contraproducións alcuma de 'denegrida' porque aborda, entre outros temas, o racismo. O protagonista da peza é Carmichael, un homes estraño que ofrece unha recompensa a quen lle devolva a man que lle cortaron cando era un mozo.
O director da montaxe, Cándido Pazó, e os intérpretes Evaristo Calvo e María Roja, pasaron polo Diario Cultural da Radio Galega antes da estrea en Cangas.