A ONG que atende os refuxiados de Malí en Mondariz pide que se eviten os discursos de odio sobre os migrantes
A ONG que atende os refuxiados de Malí en Mondariz pide que se eviten os discursos de odio sobre os migrantes
A ONG que atende os refuxiados de Malí en Mondariz pide que se eviten os discursos de odio sobre os migrantes
O responsable de Accem Galicia, Daniel Bóveda, pide apartar a inmigración do foco político: "É necesario aproveitar o capital humano para sectores que non temos cubertos"
Accem Galicia atende os cento oitenta refuxiados de Malí que está acollidos en Mondariz -Balneario dende finais de agosto.
“Estas persoas veñen buscando, primeiro, acougo físico, manutención. Logo o que queren é aprender o idioma rápido porque queren traballar”.
O responsable de Accem Galicia, Daniel Bóveda, explica que todas as persoas que escapan dun país en guerra, inestable politicamente ou dunha persecución pola súa condición sexual teñen dereito a solicitar refuxio e a que se analice a súa situación. Segundo indica Daniel Bóveda, "dáselles unha autorización de residencia, porque son solicitantes de protección internacional. E logo de seis meses de entrevistas individiualizadas nas comisarías de policía xa teñen autorización para poder traballar”.
A construción, o agro e a pesca son os traballos aos que aspiran estas persoas, entre as que tamén hai licenciados universitarios.
Sería bo que todas as administracións traballasen para favorecer que estes migrantes quedasen en Galicia porque a maioría marchan a outros países. É necesario aproveitar o capital humano da migración para sectores que non temos cubertos.
Reagrupamento familiar
Daniel Bóveda explica que moitos dos que foxen do seu país de orixe traballaron alí para empresas galegas ou españolas e viron como lles esquilmaron os seus recursos, "polo que no teñen máis remedio que botarse ao mar porque non existe ningunha outra vía migratoria legal ou segura", indica o responsable de Accem. Dende Accem cren que para outorgarlles máis seguridade xurídica cómpre solicitar a reagrupamento familiar ou a protección internacional en embaixadas. Tamén se lles pode dar protección temporal, igual que se fixo cando foi o dos refuxiados de Ucraína.
Os discursos do odio
O responsable de Accem Galicia lembra que a ruta canaria é a máis perigosa e recalca que a usan só o 5% dos que migran. A maioría dos migrantes que veñen a España entran polos aeroportos e solicitan protección internacional e proceden, sobre todo, de Venezuela e Colombia.
O que está sucedendo en España e en Europa coa migración africana preocupa a Accem.
"A migración en África está politizada e mediatizada e iso ten consecuencias porque favorece o discurso do odio, que precisamente é do que foxen estas persoas: da violencia que sufriron no seu propio país. Non se pode estigmatizar as persoas que migran.