Gonzalo Navaza: "Os topónimos e os apelidos están moi emparentados"
Gonzalo Navaza: "Os topónimos e os apelidos están moi emparentados"
O escritor e filólogo ingresa este sábado na RAG como membro de número
Especialista en onomástica, Navaza é tamén un recoñecido narrador e poeta
Dedicará o discurso de ingreso aos nomes de persoa na toponimia de Lalín, o seu concello natal
O escritor e filólogo Gonzalo Navaza ingresa este sábado na Real Academia Galega como académico de número.
O seu discurso estará dedicado aos nomes de persoa na toponimia de Lalín, o seu concello natal e poderá seguirse nunha sesión extraordinaria pública na sede da RAG a partir das 12:30 ou a través da web da institución.
Amor pola palabra
Navaza é un grande especialista en onomástica, o estudo dos nomes propios de persoa e lugar, e desde hai unha década forma parte, como membro correspondente, do Seminario de Onomástica da RAG, onde traballou en proxectos como o Dicionario de apelidos galegos, actualmente en fase de revisión.
O novo académico, profesor na facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, é tamén un recoñecido escritor.
Autor de poemarios como A torre da derrota (1992), composto integramente por palíndromos, ou Libra (2000), de libros de relatos como Erros e Tánatos (1998), ou de traducións de Arthur Conan Doyle.
No Diario cultural da Radio Galega Navaza falou da súa longa paixón polas palabras e a onomástica e debullou algúns dos exemplos de topónimos lalinenses incluídos no seu discurso de ingreso.