'Infancia sen Smartphone', unha iniciativa das familias para atrasar o uso do móbil
'Infancia sen Smartphone', unha iniciativa das familias para atrasar o uso do móbil
O colectivo de nais e pais asina un pacto para que os fillos non teñan móbil antes dos 16 anos
Entenden que os cativos deben coñecer o mundo real antes de mergullarse no virtual
Seguen dándose pasos para que se faga efectiva a prohibición dos teléfonos móbiles nos centros educativos de Galicia á volta do Nadal. Unha medida que se está analizando agora coas ANPA e os directivos dos centros. As familias, pola súa banda, comezan a agruparse para restrinxir tamén o uso dos teléfonos na casa ata un maior desenvolvemento dos rapaces.
As restricións do uso do móbil na escola van acompañadas de iniciativas das familias, que, preocupadas polas consecuencias que ten nos menores, deciden agruparse para que os rapaces non teñan teléfono propio ata os 16 anos. É o caso dun grupo de familias de Oleiros, 'Infancia sen smartphone'. Despois de coñecer iniciativas similares, en Irlanda e Barcelona, xuntáronse 20 nais e pais para tomar unha decisión: antes de terceiro da ESO os seus fillos non terían móbil. Agora son xa 140 familias.
As súas fillas teñen asumido con naturalidade que o móbil propio non é unha opción, que se precisan facer uso del farano co de algún adulto próximo.
"Xa os estamos educando na dixitalización porque ao final hai ordenadores e tabletas na casa e eles xa os usan. Nós temos móbil e eles vano usando pero esa aprendizaxe ten que ser dirixida, pouco a pouco, non darlles un móbil", asegura Gemma Araújo, impulsora da iniciativa 'Infancia sen Smartphone'.
"Non lle encontrabamos sentido a darlles un aparato tan sumamente potente a unha mente tan pouco preparada. Aínda se están desenvolvendo, teñen que medrar, teñen que aprender como é a natureza, como é a vida, como é o contacto coa xente e cos seus iguais", explica María Durán.
Defenden que toda esa aprendizaxe non pode facerse mediada por un teléfono e nunha contorna virtual e insisten en que é moito máis doado para eles cando todos os cativos están nas mesmas condicións.