Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Lavadoiro', un proxecto audiovisual de Ana Amado e Lois Patiño

'Lavadoiro', un proxecto audiovisual de Ana Amado e Lois Patiño

O proxecto pretende reivindicar os lavadoiros como espazos de socialización do traballo doméstico e de encontro para as mulleres.

O cineasta Lois Patiño filma unha curtametraxe ambientada en tres lavadoiros da Barbanza.

Na curta participan once mulleres que lavaban nestes espazos

G24.gal 30/10/2022 14:27 Última actualización 30/10/2022 15:18

Rosa e María ían lavar a roupa ao lavadoiro desde ben mozas. 

Xuntabámonos moitas, ás veces 14 ou 15 -unhas por un lado e outras polo outro- a lavar no lavadoiro. Alí xuntabámonos moitas, a lavar, a falar e a criticar", comenta Rosa Santos.

“Eramos moi escravas: ir desde a casa desde tan lonxe. Cando iamos aínda levabamos a roupa seca, pero cando ías de volta con todo na cabeza custaba, pero habíao que facer”, explica María Miranda.

Elas dúas son as protagonistas do proxecto audiovisual 'Lavadoiro', impulsado pola arquitecta e fotógrafa Ana Amado. Interésanlle os  lavadoiros como elementos da arquitectura popular, pero tamén como lugares de socialización do traballo doméstico e de encontro para as mulleres.

"O traballo doméstico sempre foi infravalorado e invisibilizado. Nós pretendemos renderlle homenaxe. É curioso, pero esta era unha maneira de visibilizalo porque ao ser traballo doméstico levado ao público era como sacar a casa fóra”, explica arquitecta e fotógrafa Ana Amado,  impulsora do proxecto.

No proxecto colabora o cineasta Lois Patiño, que filma unha curtametraxe con 11 mulleres que lavaban en espazos coma este.

“Ana púxose en contacto comigo con esta idea de reivindicar o espazo dos lavadoiros, e pareceume unha idea fantástica en varios sentidos e porque conecta coas liñas nas que fun traballado. Dunha banda, esta reivindicación destes espazos de mulleres e da memoria asociada a eles”, explica o cineasta Lois Patiño.

A curtametraxe filmouse neste lavadoiro da Penisqueira, en Aguiño, e nos de Artes en Ribeira e Santo Tomé en Porto do Son: lugares que foron de traballo e hoxe son espazos de memoria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade