"Lembro levantar un pedazo de papel e atopar un esqueleto dun neno"
"Lembro levantar un pedazo de papel e atopar un esqueleto dun neno"
Irene Shashar, de 85 anos, protagonizou a máis emotiva intervención, sen papeis e sen ler, simplemente coa voz e coa memoria.
"Lembro a fame, lembro os bombardeos, lembro os pasos das botas dos nazis, lembro ser unha nena curiosa, con dous ou tres aniños, levantar un pedazo de papel nunha rúa do gueto e atopar un esqueleto dun pequeno neno". Así relata Irene Shashar os seus recordos do que foi o Holocausto.
Cando se cumpren case oito décadas do que foi o grande exterminio de millóns de xudeus, esta sobrevivente do gueto de Varsovia expresa as súas lembranzas nunha conmemoración que tivo lugar no Senado.
"Pasei tres ou catro anos escondida en armarios de diferentes familias, cun penico e coa miña boneca; a miña nai traíame algo de comer, cambiábame o ouriñal... e díxome que se me portaba ben, se non gritaba, se non me queixaba, todo iso remataría en poucos días e xogariamos no parque".
"Pensen vostedes na responsabilidade que tomei sobre min: se eu me porto ben, todo isto vai rematar, a Segunda Guerra Mundial vai rematar, todo depende de min".
Irene Shashar, de 85 anos, protagonizou a máis emotiva intervención, sen papeis e sen ler, simplemente coa voz e coa memoria.
Lembrou que no 1939 os nazis obrigaron todos os xudeus de Varsovia a encerrarse nun gueto, polo que a súa familia refuxiouse nun "pequeno departamento" desa área acoutada.
Un día atoparon o seu pai no chan da cociña sangrando e foi a "última vez" que o viu, nin sabe onde o enterraron.
A súa nai levouna fóra do gueto por unhas cloacas, entre a pestilencia e as ratas, e ela só tiña a súa bonequiña para xogar.
Tras relatar varios "milagres", como o de non ser descuberta en rexistros de soldados alemáns, Irene concluíu que a súa salvación ten que ser empregada agora en trasladar as súas lembranzas aos seus dous fillos, sete netos e "as xeracións vindeiras", co seu rogo de "concordia, fraternidade e comprensión" para todo o mundo.
Nesta conmemoración, ademais, Irene contaba coa presenza de numerosas personalidades políticas, entre elas Roberta Metsola.