Manolo González: "José Gil foi o primeiro profesional do cine en Galicia"
Manolo González: "José Gil foi o primeiro profesional do cine en Galicia"
A biografía 'Nos días encantados de agosto' rescata este precursor do audiovisual galego
O cineasta das Neves filmou unhas 155 películas entre 1910 e 1935
O investigador Manolo González reivindica a José Gil como pioneiro do cine galego na biografía 'Nos días encantados de agosto' que publica a editorial Galaxia. Gil, nado nas Neves en 1870, estableceuse como fotógrafo en Ourense e Vigo nos primeiros anos do século XX pero a súa verdadeira paixón foi o cine.
Camarógrafo, director, produtor e exhibidor, filmou unhas 155 películas de diferentes xéneros nas primeiras décadas do século XX: filmes documentais, cinema de correspondencia para a emigración, ficción ou noticiarios. Apenas sete desas películas se conservan a día de hoxe.
Manolo González explicou a apaixonante e tráxica peripecia vital de José Gil no seu paso polo Diario Cultural da Radio Galega e reclamou que o audiovisual do país recoñeza dalgún xeito este precursor, o primeiro profesional galego da produción de imaxes en movemento.