"Non puiden evitalo", di o maquinista do Alvia, e volve pedir perdón ás vítimas
Garzón Amo asegura que coas actuais medidas de seguridade non se produciría o accidente
O maquinista asegura que estaba obrigado a contestar as chamadas de traballo e que a que respondeu do interventor deixouno descolocado
Aprazan a declaración de Cortabitarte ao día 13, "afectado" pola agresión
Na primeira xornada a maxistrada frea o intento de que non se cuestione a seguridade da liña
Francisco José Garzón Amo, maquinista do tren que o 24 de xullo de 2013 descarrilou na curva da Grandeira, en Angrois, chegando a Santiago, co resultado de 80 mortos, concluíu a súa declaración no xuízo asegurando que freou, pero foi imposible evitar o accidente: "Non puiden evitalo".
Garzón Amo declarou durante pouco menos dunha hora e contestou só ás preguntas do seu avogado, Manuel Prieto.
Asegurou que coas medidas actuais de seguridade sería imposible que o accidente se producise. "Imposible", foi tallante.
Afirmou que os sistemas de protección que non había no momento do sinistro e que están instalados hoxe en día "había séculos que existían" e que deberían estar en pleno funcionamento.
Xa consultado acerca de se o que a el lle ocorreu podería sucederlles a outros maquinistas de Renfe, resolveu: "A calquera".
A seguridade no punto do accidente
"Non había ningún sinal que me restrinxise a velocidade. Non había ningunha limitación, nin ningún sinal, nin ningunha baliza. Non había nada de nada". Garzón Amo manifestou que non había sinais que lle inducisen a unha redución graduada da velocidade. Ata que se topou cos 80 quilómetros por hora na curva da Grandeira cando el circulaba a máis do dobre do límite permitido.
"Non me deu para frear", para facelo ben. "É practicamente imposible pasar nese punto de 200 a 80, nese punto concreto". "É absurdo" pensar que si, foron algunhas das expresións que utilizou. Consultado por se en caso de existir sinalización previa reducise, non dubidou: "Evidentemente".
A chamada deixouno "descolocado"
Garzón Amo remarcou que non había ningún sinal, nin semafórico, nin baliza nin de limitación, nada que o cominase dunha maneira graduada a reducir a velocidade a que ía.
O condutor do tren contou que a chamada de servizo do interventor de a bordo, á que "é obrigatorio contestar", o deixou descolocado. Creu que estaba no túnel anterior. "Perdín a conciencia situacional", relatou.
Debuxou o maquinista unha liña monótona, con moitos viadutos, na que é fácil perder a referencia. "E o teléfono é unha ferramenta de traballo. Estou obrigado a contestar", referendou Garzón Amo. Do contrario, "pode resultar unha sanción grave".
Con todo, defendeu que non houbera unha condución desatenta. "En ningún momento" deixou de prestar atención á vía, foron as súas palabras.
O Ministerio do Interior "queríao no calabozo"
Garzón Amo lamentou durante o interrogatorio o trato que recibiu tras ser detido: "Foi criminal". Dixo que cre que o entón ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, quería anunciar a súa detención.
O maquinista, rescatado polos servizos de emerxencias, chegou ao hospital con traumatismo torácico, fracturas costais e ferida inciso-contusa na cabeza. Alí estivo nunha cadeira porque non podía nin tombarse. Recibiu o alta o 27 e foi levado ao calabozo. O día 28, compareceu o ministro do Interior. "É imposible en dous días recuperárame como para ir ao calabozo e saír do hospital".
Dixo que non estaba en condicións de declarar. "De ningún xeito", testificou. Pero engadiu: "Tratei de recuperar todo o que puiden para esclarecer os feitos".
Perdón ás vítimas: "Non puiden evitalo"
Antes de finalizar a declaración, o maquinista volveu pedir perdón ás vítimas do accidente, e entre saloucos dixo: "Non puiden evitalo".
A sesión suspendeuse e vaise retomar o día 13 coa declaración do outro acusado, Andrés Cortabitarte, o exdirector de Seguridade na circulación do Adif.
Aínda que estaba previsto que o seu interrogatorio se producise ao rematar o do maquinista, o seu avogado solicitou que se atrasase, dado que estaba moi afectado pola agresión que sufriu onte á saída do xuízo.
A xuíza aceptou a solicitude, só protestada polo defensor de Garzón Amo, e levantou a sesión.
Minuto a minuto
Comeza a declarar o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón Amo. O seu avogado xa advertiu antes de comezar a sesión que só contestará ás preguntas da defensa e criticou que o Adif se poña de lado do outro acusado, Andrés Cortabitarte.
Garzón Amo desmorónase na segunda sesión do xuízo ao lembrar o día do descarrilamento. Fala de que quedou atrapado na cabina, lesionado, e que comunicou o accidente. "O primeiro era atender aos viaxeiros e socorrelos", di.
"Perdón, perdón, perdón", di o maquinista. A xuíza pídelle que estea tranquilo.
O avogado introduce a cuestión da detención do maquinista e o seu traslado a comisaría cando estaba ferido no hospital. Garzón Amo di que "foi criminal" que o levasen ao calabozo nese estado.
O maquinista fala da velocidade á que circulaba o tren "temos que ir ao máximo para cumprir horario". Anteriormente explicou que a prefixada era de 200 km/h, e de que a liña ten unha zona de baixada de tensión, que se reflexa nos datos da caixa negra, e tamén que houbo un incidente co pedal de "home morto" por un mal funcionamento.
"Ata a curva non había ningún sinal para reducir a velocidade ata a curva", asegura Garzón Amo.
"O teléfono é unha ferramenta de traballo máis", di o maquinista, que di que é da empresa e está obrigado a contestar chamadas durante a condución, aínda que non había ningún protocolo establecido.
Sobre a chamada que contestou durante esa viaxe, o día do accidente, momentos antes, di que "o descolocou. Crin que estaba no túnel anterior". "Era unha chamada de servizo", asegura.
"Non deu para frear", explica Garzón Amo. O maquinista di que o sinal anterior á curva da Grandeira non serve para indicar para reducir a velocidade, "porque non dá tempo a reducir a velocidade de 200 a 80, é absurdo".
"Coas medidas que hai agora, o accidente non pasaría", asegura o maquinista.
"As vítimas que me perdonen, pero non puiden evitalo", asegura o maquinista do Alvia, que volve emocionarse.
O maquinista remata a súa declaración e volve ao seu lugar xunto ao seu avogado
O avogado de Andrés Cortabitarte di que o seu defendido está moi afectado pola agresión que sufriu onte, e pide que non declare ata a próxima semana.
O avogado do maquinista obxeta e pide que Cortabitarte declare xa.
A xuíza di que somos coñecedores do incidente da xornada anterior e acepta atrasar a declaración de Cortabitarte á próxima semana. Convoca a sesión para o día 13.
Levántase a sesión