Vivendas da Sareb para alugueiro accesible: 21.000 en 'stock', 14.000 xa habitadas e 15.000 por construír
Vivendas da Sareb para alugueiro accesible: 21.000 en 'stock', 14.000 xa habitadas e 15.000 por construír
Vivendas da Sareb para alugueiro accesible: 21.000 en 'stock', 14.000 xa habitadas e 15.000 por construír
O Goberno quere alcanzar acordos de venda coas comunidades e os concellos para que xestionen eses alugueiros
A Sareb creouse para mercar activos inmobiliarios quebrados na crise financeira de 2008, e desde 2022 está controlada polo Estado
A lei de vivenda quedará definitivamente aprobada horas antes da campaña do 28-M
O Goberno aprobou este martes no Consello de Ministros o plan para destinar 50.000 vivendas da Sareb para alugueiro accesible. Delas, 35.000 xa están identificadas e outras 15.000 construiranse en chan cedido por esa sociedade pública, segundo explicou a vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Nadia Calviño.
Segundo os seus datos, a Sareb conta cun stock de 21.000 casas que poderían servir para uso social, ademais doutras 14.000 que xa están habitadas, e de solo dispoñible no que se poderían desenvolver 15.000 vivendas e outros proxectos.
O plan que inclúe a Estratexia da Sareb para mobilizar esas 21.000 vivendas, 9.000 delas xa dispoñibles para a venda e 12.000 pendentes de obras de finalización e habitabilidade, mediante acordos de venda a comunidades e concellos para alugueiro social ou accesible.
A Sareb foi creada hai once anos para mercar activos inmobiliarios de caixas de aforro e bancos quebrados na crise financeira de 2008, pero o Estado só asumiu o seu control o ano pasado.
Calviño avogou por "reconstituír" o parque público de vivenda en España e por "aproveitar o cen por cento dos activos" do chamado 'banco malo'.
Sinalou a vicepresidenta que ese parque público está formado en España por unhas 300.000 unidades, o que supón o 3 % do total, fronte ao 9 % da media da UE.
O socio de Goberno, Unidas Podemos, recórdalle ao PSOE que esta é unha proposta súa. "Ao principio, o PSOE dinos que facemos propostas bolivarianas (...) e un día, de repente, polo que sexa, ao mellor porque se achegan unhas eleccións municipais e autonómicas, a proposta empeza a soar un pouco mellor e acaba no BOE", apuntaba no Congreso o deputado de Podemos Javier Sánchez Serna.
Os socios parlamentarios celebran a medida, pero coinciden en que é electoralista. Segundo Gabriel Rufián, voceiro de ERC, "doe ver o PSOE moverse por emerxencia electoral e non por emerxencia social".
Mertxe Aizpurua, portavoz de EH Bildu, tira de ironía e asegura que "estaría ben que houbese eleccións cada ano para que o PSOE tome decisións que durante a lexislatura se negou a tomar".
Dende o PP tamén acusan a Pedro Sánchez de electoralista e cuestionan o alcance desa oferta de vivendas da Sareb. Segundo Alberto Núñez Feijóo, "a maioría delas ninguén as quere, porque nalgúns casos están inacabadas, e boa parte delas están en lugares onde non hai presión e non hai demanda de vivenda, por iso están desocupadas".
A portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, arremeteu contra as "políticas fracasadas" do PP e materia de vivenda, e respondeu a Feijóo que os seus presidentes autonómicos deberían empezar por aplicar a Lei de vivenda que se aprobará nos próximos días.
Os axentes sociais agardan a que o plan se concrete. Para Pepe Álvarez, secretario xeral de UGT, é unha medida "positiva" que "seguramente chega tarde". Pola súa banda, Antonio Garamendi, presidente da CEOE, di que hai que "avaliar" o plan do Goberno "porque semella que hai unha serie de vivendas que non están nos sitios onde se necesita máis ou incluso outras que non están en boas condicións".