'Oppenheimer' triunfa nunha edición dos Óscars sen españois premiados
'Oppenheimer' triunfa nunha edición dos Óscars sen españois premiados
O filme sobre o creador da bomba atómica levou sete galardóns, incluído o de mellor película
Levan o seu primeiro Óscar Christopher Nolan, mellor director; Cillian Murphy, mellor actor, e Robert Downey Jr., mellor actor secundario
Emma Stone levou o de mellor actriz polo seu papel en Pobres criaturas, que sumou un total de catro premios
Tanto La sociedad de la nieve, de Juan Antonio Bayona, como Robot Dreams, de Pablo Berger, quedaron sen galardón
O filme Oppenheimer, de Christopher Nolan, foi o gran triunfador da 96 edición dos Óscars ao levar sete figuras, entre elas a de mellor película e a de mellor director, a primeira na dilatada traxectoria do cineasta británico.
O máis destacado foi a divertida actuación de Ryan Gosling, de novo na pel de Ken cun imposible e brillante traxe rosa, que puxo o teatro Dolby en pé. Ao escenario subiron, cumprindo todos os prognósticos, Emma Stone e o irlandés Cillian Murphy para recolleren os premios a mellor actriz e a mellor actor polos seus traballos en Pobres criaturas e Oppneheimer, respectivamente.
Foron os últimos premios da noite antes dos de dirección e película, tamén para Oppenheimer. "Grazas a todos os que estiveron aí e creron na miña carreira; á miña familia e á incrible Emma Thomas por producir a película", dixo un emocionado Nolan ao recoller o premio de dirección.
A cinta baseada na vida de Robert Oppenheimer, físico teórico e pai da bomba atómica, tamén logrou o Óscar de mellor intérprete de elenco para Robert Downey Jr., mellor fotografía, banda sonora e edición.
Ao agradecer o seu premio, Cilliam Murphy sinalou: "Fixemos unha película sobre o home que creou a bomba atómica e, para ben ou para mal, vivimos no mundo de Oppenheimer, así que, gustaríame dedicárllela a todos os pacifistas".
Unha das grandes incógnitas da noite: o Óscar a mellor actriz. Emma Stone fíxose coa súa segunda estatuíña, tras Lalaland, pola súa interpretación en Pobres criaturas. Stone eloxiou á súa rival e amiga Lili Gladstone, a primeira nativa americana que aspiraba a ese galardón.
A actriz protagonizou unha das anécdotas da noite ao recoñecer entre risas e con cara de sorpresa que lle rompera o vestido por detrás, e ao abandonar o escenario pediu que ninguén a mirase.
A cinta do grego Yorgos Lanthimos foi a gran agochada ao levar tamén tres premios nos apartados técnicos de mellor deseño de produción, deseño de vestiario e maquillaxe e peiteado, este último ao que tamén aspiraba o equipo de La sociedade de la nieve de Juan Antonio Bayona.
Barbie, un fenómeno sen recoñecemento
Barbie, o fenómeno de público do ano, chegaba con oito propostas, pero tivo que conformarse unicamente co Óscar de mellor canción por "What I Was Made For?", de Billie Eilish e Finneas O'Connell.
O cómico e presentador Jimmy Kimmel xa arrincou a cerimonia criticando a Academia de Hollywood por deixar fóra a Greta Gerwig e Margot Robbie nas categorías de mellor dirección e actriz protagonista, respectivamente: "Están a aplaudir os mesmos que non votaron por elas, non fagan como que non son culpables". Tampouco a estadounidense de raíces hondureñas America Ferrera (Barbie) puido impoñerse a Da'Vine Joy Randolph (Os que quedan) como mellor actriz secundaria.
La sociedad de la nieve, sen premio
Juan Antonio Bayona con La sociedad de la nieve tamén tiña a dura tarefa de bater a británica A zona de interese, pero a cinta sobre a idílica vida dun comandante nazi á beira do campo de concentración de Auschwitz cumpriu cos prognósticos e gañou como mellor película internacional. Este premio foi presentado por Bad Bunny e, ao recibilo, o director Jonathan Glazer fixo referencia explícita ao conflito en Gaza e á "deshumanización" que carrexou, "xa sexa para as vítimas do ataque de Hamas ou da ofensiva en curso" de Israel.
O tamén español Pablo Berger competía con Robot Dreams a mellor película de animación, pero o xaponés Hayao Miyazaki fixo historia conseguindo que O mozo e a garza se convertese na segunda película de fala non inglesa capaz de gañar neste apartado. A anterior foi outro dos seus traballos A viaxe de Chihiro (2001).
A documentalista chilena Maite Alberdi, quen xa concorrera aos Óscars con El agente topo na edición de 2021, era unha das chamadas para triunfar nesta gala co seu profundo retrato do alzhéimer en La memoria infinita, que finalmente foi derrotada por 20 días en Mariúpol, un retrato da guerra de Ucraína. "Desexaría cambiar este premio por que Rusia nunca atacase Ucraína ou ocupase as nosas cidades (...) Con todo, todos xuntos, vostedes, algunhas das persoas con máis talento do mundo, podemos asegurarnos de que a historia se rectifique e a verdade prevaleza", afirmou o director nun dos poucos discursos políticos da noite.
A maiores: a cinta francesa Anatomía dunha caída levou o premio a mellor guión orixinal.
Finalmente, a última grande estrea de Martin Scorsese, Os asasinos da lúa', foi a gran decepción da noite ao non levar ningún dos dez Óscars polos que competía.