"Orgullosos do camiño, gocemos do presente. E soñar?" O lema da afección que fai seu Claudio
O adestrador do Celta insiste antes de recibir o Español en que esixirse máis sería "equivocado e inxusto"
O adestrador do Celta, Claudio Giráldez, segue sen querer desviar o foco do próximo encontro, que neste caso será fronte ao Español en Balaídos este sábado. Despois de admitir unha vez sumados os tres puntos en Mallorca que a permanencia virtual está conseguida, o técnico non fala directamente de Europa, pero si deixa claro que lles ilusiona esa meta.
"O discurso é o mesmo de todo o ano respecto a que queremos máis, afrontamos os partidos para gañalos, ser protagonistas, cada vez máis sólidos como equipo e iso levará a pelexar por obxectivos máis ambiciosos", indicou.
Comentou o porriñés que vira o lema do recibimento.
"Orgullosos do camiño, desfrutemos do presente. E soñar?. E sente moi identificado con esa formulación. Estou totalmente de acordo, representa o que penso. Esixirnos máis é equivocado e inxusto".
E incidiu nas súas palabras do último pospartido.
"Cando dicía que a tempada é un éxito, referíame a que nunca deberá ser unha decepción (pase o que pase no que queda). Polo que acabo de explicar. Hai que tentar a matrícula, como dixen, sabendo a dificultade. Os obxectivos principais conseguíronse".
En canto á relevancia deste partido, sostén que "importantes son os oito" que restan, pero fíxase na complexidade deste tendo en conta tanto a primeira volta como o pasado inmediato.
"Son tres puntos contra un rival que nos gañou 3-1, que vén de gañar 0-4 ao Raio. Vimos dunha xornada en que ningún equipo gañou no seu campo, dato espectacular e estraño que fala da dificultade de gañar en Primeira calquera partido".
Cre que a afección pode ser clave unha vez máis e está seguro de que contarán co seu apoio como en cada compromiso no municipal vigués.