'Overbooking' na estación de Renfe na Coruña
'Overbooking' na estación de Renfe na Coruña
Medio cento de usuarios da Coruña quedaron sen asento no tren con destino Vigo
Había máis billetes que prazas dispoñibles
De lamentable tachaban a situación os usuarios de Renfe que onte quedaron sen asento no tren das 13:58 con destino Vigo malia ter o billete na man. Medio cento de viaxeiros tiveron que ser recolocados noutro convoi, polo que non puideron chegar á hora prevista.
"Souben polas noticias que venderon o dobre de billetes, houbo 'overbooking'", conta unha rapaza.
Dende a Plataforma de Usuarios de Media Distancia insisten en que problemas coma os de onte suceden con frecuencia, e bótanlle a culpa ao sistema de venda de billetes en liña.
"Adoita fallar un pouco a aplicación, e si que é certo que sobre todo nos trens rexionais ás veces acostuman coller un pouco de atraso".
"Pois problemas técnicos coa aplicación de Renfe e ás veces atrasos de ao mellor 10 minutos, ás veces 20 minutos, depende", coinciden dous usuarios de Renfe.
Este home leva un bo anaco pelexando co dispensador automático de billetes, que o obriga a mercar un tícket que non precisa.
"O problema que teño é que a máquina non me deixa coller dous adultos, un neno e outro neno menor de 4 anos, non mo permite, dime que teño que ir á ringleira, e aí está a ringleira, que é enorme", comenta o home.
"Moitas veces non hai prazas nos trens, tes que collelo con moita antelación, os atrasos son terribles, ás veces pos reclamacións e non contestan nunca, mercas un billete e se se cancela por un erro do propio Renfe fas a reclamación e devólvenche só o 70 por cento, cando o erro é do propio Renfe. Vaia, fatal", apunta unha rapaza.
As queixas acumúlanse e os usuarios pídenlle a Renfe que actúe con decisións de alcance.